A Consellaría de Educación reafírmase no desinterese pola formación do profesorado e mantén a súa política nepotista

Mesa sectorial 26-5-10

Na mesa sectorial de hoxe día 26, tratáronse as ordes de adxudicación de destino provisional para o curso que vén e a modificación da elección de cursos e materias
A CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN REAFÍRMASE NO DESINTERESE POLA FORMACIÓN DO PROFESORADO E MANTÉN A SÚA POLÍTICA NEPOTISTA.
 
Na mesa sectorial de hoxe día 26, tratáronse as ordes de adxudicación de destino provisional para o curso que vén e a modificación da elección de cursos e materias.
 
Hoxe 26 de maio estaba convocada a Mesa Sectorial cos seguintes puntos na orde do día: modificación da orde de elección de cursos e materias, adxudicación provisional para o profesorado provisional de Primaria e Secundaria en setembro, convocatoria de prazas de asesores na Consellería e calendario escolar. Finalmente soamente se trataron os dous primeiros temas, quedando convocada a mesa para o vindeiro venres 28 para tratar o calendario escolar e a convocatoria de asesores.
A Consellaría non trouxo á Mesa a convocatoria de prazas de asesores/es de formación do profesorado nos Centros de Formación e Recursos e nos Servizos Centrais, unha demanda que vimos realizando desde hai varios meses a CIG-Ensino, e que a Consellaría dixo que se trataría durante este curso, mais hoxe, a convocatoria que presentaba na mesa non recollía estas prazas. Ademais a convocatoria que se nos presentaba carecía de concreción, pois non especificaba para que prazas, perfís e contidos se convocaba, nin se especificaba o número de prazas a cubrir. A CIG-Ensino considera que a proposta presentada pola Administración é unha total falta de respecto ao profesorado e á CIG-Ensino, como sindicato que o representa.
Ante isto, a CIG-Ensino negouse a que se tratase na Mesa sectorial esta orde até que non se especificasen as prazas que se estaban convocando, incluíndo as de asesores/es de formación do profesorado nos Centros de Formación e Recursos e nos Servizos Centrais. Despois da negativa da CIG e outras organizacións sindicais, o tema quedou sobre a mesa.
A CIG-Ensino entende que esta actitude da Consellaría é mostra do seu desinterese pola formación dos docentes. As asesorías cumpren un papel fundamental na formación do profesorado dado que apoian, asesoran e forman ao mesmo. É unha evidencia a necesidade de formación do profesorado nomeadamente nestes momentos en que se están aplicando os currículos. A formación do profesorado é imprescindíbel para a actualización, a innovación educativa e a renovación pedagóxica e, en definitiva, para incidir na calidade do ensino e poder atallar, xunto con outras medidas, o fracaso escolar. Estes, porén, non parecen ser temas de interese para a nosa Consellaría Segundo os datos que ten a CIG-Ensino elimináronse un 26,04% de asesorías nos Centros de Formación e Recursos, o que conlevou o recorte de cursos dirixidos ao profesorado (en Santiago reducíronse 7 cursos e 22 grupos de traballo, en Ferrol 6 proxectos de formación e atención a centros, en Ourense 7 cursos e en Vigo 11), situación que é aínda máis alarmante se temos en conta que está quedando centos de profesores/as sen praza nos cursos que solicitan.
A CIG-Ensino xa denunciou publicamente a demora na convocatoria destas prazas dadas as nefastas implicacións que supón, como que dá pé a que a Admón. manteña postos cubertos por ela a dedo.
Ademais, no sistema de avaliación que se aplica aos/ás asesores e asesoras que acadaron a súa praza a través dun concurso público, están a seguirse criterios arbitrarios: non hai criterios establecidos e así, en certos casos prorróganse os servizos dos e das asesoras por 1 ano, noutros casos por 3 e mesmo se decide prescindir dos servizos de determinados/as asesores/as sen ningún tipo de xustificación. Tamén parece indicar intereses alleos á calidade de realización do traballo por parte do asesor/a, o feito de que nos Servizos Centrais boa parte das asesorías están desempeñadas por profesorado que non teñen ningunha das especialidades do ámbito en que están destinados.
En conclusión, desde a CIG-Ensino, queremos denunciar a desatención desta Consellaría á formación do profesorado e o seu desprezo polo mesmo, o seu comportamento caciquil e a súa política de recorte e aforro en aspectos cruciais para o ensino público, mentres incrementa descaradamente as partidas orzamentarias destinadas ao ensino privado concertado. Esiximos que a convocatoria recolla todas as vacantes existentes.
 
 
26 de maio de 2010
Secretaría de Prensa da CIG-Ensino

Volver