
A Consellaría de Educación, obrigada a devolver o diñeiro descontado ilegalmente nas xubilacións anticipadas do 2011
A medida afectou a máis de 1000 docentes xubilados
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza firme, en resposta a unha demanda presentada polos servizos xurídicos da CIG-Ensino, na que anula a decisión da Consellaría de Educación de reducir nun 5% as cantidades a aboar ao profesorado que solicitou acollerse no ano 2011 á xubilación anticipada incentivada recollida na LOE, no que foi precisamente o seu último ano de vixencia. Tendo en conta o elevado número de docentes xubilados naquel ano a contía descontada ilegalmente achegaríase a 1 millón de euros. Esta cantidade vense a sumar aos 500.000€ euros que se lle descontaron indebidamente aos docentes xubilados no ano 2010.
A sentenza supón un golpe máis á política de recortes da Consellaría de Educación que, tal e como denunciou a CIG-Ensino no seu momento e agora confirma o TSXG, tomou unha resolución abertamente ilegal, ao aplicarlle a unha gratificación por xubilación a consideración de salario.
Esta sentenza incide no criterio inicialmente expresado por diferentes xulgados do contencioso de toda Galiza, así como do propio TSXG ao respecto da redución do 5% na gratificación da xubilación anticipada do ano 2010. Naquela altura o goberno de Zapatero comezou cos recortes aos empregados públicos coa redución dun 5% da masa salarial de todo o persoal ao servizo da Administración. O goberno de Núñez Feijóo, sempre como un adiantado na aplicación de recortes no sector público que caracterizou a pasada lexislatura e xa está a marcar o inicio deste segundo mandato, decidiu estender aquel recorte ao profesorado que se xubilou anticipadamente en agosto de 2010, aplicando con carácter retroactivo un recorte a un persoal que xa solicitara a xubilación a principio se ano, meses antes de que Zapatero decidira o primeiro recorte salarial do funcionariado.
As sentenzas contra aquela decisión foron contundentes e centráronse na ilegalidade de aplicar un recorte con carácter retroactivo e no feito de que a gratificación non era percepción salarial.
Agora, esta nova sentenza afectaría directamente a 1039 docentes no conxunto do país, que se xubilaron anticipadamente en agosto de 2011. Deles 649 pertencían ao corpo de mestres e 390 aos corpos de secundaria.
Desde a CIG-Ensino demandamos que a Consellaría estenda de oficio os efectos desta sentenza a todo o profesorado que viu reducida ilegalmente a súa gratificación por se retirar anticipadamente, evitando deste xeito que todo este persoal xubilado se vexa obrigado a demandar individualmente para ver recoñecido un dereito que nunca lle debeu negar o goberno de Núñez Feijóo.
Cadro: Profesorado xubilado no ano 2011 afectado pola sentenza do TSXG gañada pola CIG-Ensin
XUBILACIÓNS ANTICIPADAS LOE 2011 |
||
|
MESTRES |
SECUNDARIA |
A CORUÑA |
282 |
177 |
LUGO |
88 |
54 |
OURENSE |
63 |
39 |
PONTEVEDRA |
216 |
120 |
Subtotais |
649 |
390 |
Total |
1039 |