A Consellaría de Educación obriga os centros educativos a comprar gasóleo a determinadas empresas aínda que saia máis caro
Esixímoslle á Consellaría de Educación que revise de xeito inmediato este sistema, pois nin repercute na redución do prezo, nin na mellora do servizo, nin do traballo burocrático para os centros, senón todo o contrario
Ademais, até o de agora, moitas das empresas servidoras do combustíbel responsabilizábanse da limpeza dos recipientes do gasóleo, evitando así ter que enfrontar o gasto de limpeza e conseguindo un servizo máis eficiente.
A Consellaría centraliza a subministración de gasóleo no que ten a ver coa empresa concesionaria, mais non así todo o que comporta de incremento de burocracia, xa que os centros teñen que responsabilizarse de solicitar orzamentos e cubrir toda a documentación.
Segundo as instrucións da Consellaría, os centros teñen que pedir orzamento a todas as empresas adxudicatarias da súa zona e coller a máis barata, mais na práctica, nalgúns casos, estas empresas redúcense a unha soa, co que teñen que aterse ao prezo que lles dan, en moitos casos máis caro que o que compraban antes.
Este procedemento que segundo a Consellería ten como obxectivo abaratar custos e, por tanto, mellorar a economía dos propios centros provoca todo o contrario, malgasto dos cartos públicos, incremento dos prezos e aumento do traballo burocrático nos centros, baixo a advertencia de que se non o fan así estarían incorrendo nunha irresponsabilidade disciplinaria.
Estamos ante unha nova mostra da total ineptitude dunha Consellaría que continúa cun descontrol absoluto nas súas actuacións. É incomprensíbel que se opte por centralizar un servizo e que este vaia ser máis custoso, a non ser que sexa por intereses espurios ou por unha total inutilidade da Consellaría.
Desde a CIG-Ensino, esixímoslle á Consellaría de Educación que revise de xeito inmediato este sistema, pois nin repercute na redución do prezo, nin na mellora do servizo, nin do traballo burocrático para os centros, senón todo o contrario.