A Consellaría de Educación obriga a presentar dixitalmente os partes de baixa do profesorado

A CIG-Ensino considera absolutamente negativa esta decisión unilateral da administración educativa e demanda que se abra a posibilidade de achegar esa documentación tamén polas vías ordinarias

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos vén de enviarlle a todo o profesorado galego un email no que se modifica a comunicación dos partes de baixa por incapacidade temporal así como os de confirmación ou alta médica. A Consellaría alega que se pretende facilitar e axilizar a tramitación destes partes médicos, centralizando toda a xestión nos servizos centrais e cargando no propio profesorado toda a xestión burocrática.

Para a CIG-Ensino a decisión da Consellaría non ten sentido, non porque se habilite a posibilidade de poder facelo por esta vía, co que non estamos en desacordo, senón por imposibilitar que se poida facer pola vía ordinaria.

Así, nos casos en que un ou unha docente se atopen incapacitados para xestionar este trámite, o atraso e quebranto que se produce na súa formalización e na cobertura da vacante é total. Pensemos por exemplo en baixas médicas que imposibiliten ás docentes o seu acceso á aplicación informática de “datos persoais” como pode ser o caso dunha persoa infartada ou hospitalizada por calquera motivo, alguén que permaneza inmobilizada ou que non teña acceso no seu domicilio aos medios necesarios para cumprimentar o trámite (escaneo de documentación e acceso á aplicación). Nestes casos non se permite que se poidan achegar mediante outros medios esa documentación, xa que o acceso aos “datos persoais” é exclusivo de cada docente.

Nada máis ter coñecemento do email, a CIG-Ensino vén de se dirixir á Dirección Xeral para que se modifique, permitindo a posibilidade de que a documentación se poida remitir por outras vías, ben porque o docente non pode facelo dixitalmente ou porque se precisa doutra persoa para que faga entrega da documentación. De non ser así, provocaríase que se produciran baixas que non puidesen ser tramitadas e, por tanto, en vez de axilizar a substitución do docente en IT se provocaría unha demora inxustificada.

A Consellaría debe rectificar e ten que abrir os ollos á realidade, sendo consciente de que vai provocar un problema e un agravamento da situación actual. Lamentamos que, unha vez máis, se adopten medidas sen previa consulta á representación do profesorado e que cargue ao profesorado enfermo dun traballo que, en moitos casos, non vai estar en condicións de facer ou que lle vai supoñer unha carga innecesaria.

CIG

Correo remitido pola Consellaría

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon en marcha o novo procedemento para a comunicación dos partes de incapacidade temporal (IT) ás xefaturas territoriais así como no seu caso aos servizos centrais.

Deste xeito, desde o día 2 de maio de 2019será obrigatoriaa remisión dos partes de IT (baixa, confirmación e alta) ás xefaturas territoriais correspondentes ou a servizos centrais no caso do persoal que preste servizos nestes, exclusivamentea través da aplicación informática:https://www.edu.xunta.es/datospersoais

Accedendo á dita aplicación o/a traballador/a cubrirá os datos que alí se lle indican e anexará dixitalizado o parte de baixa, confirmación ou alta nos prazos que de seguido se indican

  • Parte médico de baixa por incapacidade temporal: no prazo de tres días contados a partir da data de expedición do parte
  • Parte médico de confirmación da baixa: no prazo de tres días contados a partir da data de expedición do parte
  • Parte médico de alta: no prazo das 24 horas seguintes a súa expedición.

Con este nova funcionalidade preténdese facilitar e axilizar a tramitación e comunicación dos partes médicos derivados das situacións de incapacidade temporal e polo tanto non se remitirá ningún orixinal destes partes ao centro educativo así como tampouco ás xefaturas territoriais nin aos servizos centrais.

 

Volver