A Consellaría de Educación non garante a aprobación do Decreto galego de FP para o vindeiro curso

A CIG-Ensino insta á directora xeral de FP a comparecer de inmediato na Mesa Sectorial para informar ao profesorado das causas do atraso nesta tramitación e para negociar as cuestións que máis preocupan da nova norma.

Galiza é nestes intres a comunidade que menos ten avanzado na aplicación da reforma da FP, entre outras cuestións por decidir concentrar a formación en empresa obrigatoria en segundo curso, cuestión que non foi suficientemente debatida e posta en común coa representación docente. Nestes intres o único que se coñece de forma extraoficial é a información dada nunha reunión aos equipos directivos e que algúns están a recibir instrucións para planificar o vindeiro curso sen que esta sexa uniforme entre eles nin socializada suficientemente cos claustros. Desde a CIG-Ensino entendemos que, aínda provisionais, estas directrices teñen que ser negociadas e escoitadas as demandas do profesorado, que son moitas nestas ensinanzas.

Na reunión do Consello Galego de FP desta mañá, convocada sobre as axudas Bonos Talento empresa como único punto na orde do día, a directora xeral de FP escudouse en diferenzas de interpretación con respecto ao RD estatal e á Lei Orgánica de FP para xustificar a demora na elaboración da normativa galega que vai regular estas ensinanzas. Nestes intres a Consellaría non pode garantir que o Decreto galego de FP, no que supostamente se comezou a traballar desde principios de curso, vaia estar aprobado para a súa implantación en setembro. Para a CIG-Ensino esta situación é amplamente criticábel en moitas vertentes: 

  • Pola falta de intención negociadora da Dirección Xeral de FP, algo que non é novo, pero que clama ao ceo nun momento tan transcendente como a elaboración dun Decreto galego que ordene e regule estas ensinanzas nos vindeiros anos. A Consellaría convocou os grupos de traballo en novembro e pediulles que quitaran “só” tres horas semanais dos módulos profesionais de segundo curso. Isto demostra que xa naquela altura tiña bastante claro que non ía implantar o anunciado módulo de Inglés profesional II, como parece confirmarse actualmente, que non ía ter atribución horaria semanal o módulo de Proxecto intermodular e que se lle restaría unha hora ao módulo de IPE II. Se non tivera esta planificación pechada, o número de horas a detraer sería diferente. 
  • En segundo lugar polos bandazos dados ao respecto do anunciado o ano pasado e por non elaborar conxuntamente este Decreto coa representación legal do profesorado de FP. Está claro que a estratexia é ditaminar unilateralmente as instrucións do vindeiro curso e traelas aos órganos de negociación cando xa non haxa marxe para reaccionar nin para sometelas a un mínimo contraste democrático. Galiza é nestes intres a comunidade que vai máis atrasada nesta nova regulamentación. Alén de que algunha comunidade, como Aragón, xa teña aprobado o Decreto autonómico, no resto este ano xa experimentaron a formación curricular na empresa nos módulos de primeiro curso, mentres que a decisión da Consellaría, con carácter xeral e agás algunhas excepcións, de deixar as horas obrigatorias para segundo fai que precisamente se contara con máis tempo para centrarse na elaboración da normativa galega, pero aconteceu totalmente o contrario. Desde hai máis de un ano outras comunidades como Catalunya teñen horarios orientativos sobre cantas horas curriculares se imparten na empresa nos módulos profesionais dos diferentes ciclos ou mesmo Madrid aprobou un catálogo de módulos optativos por distintas familias profesionais para a súa escolla polos centros.
  • As escusas de que a culpa é do Ministerio de Educación xa están moi manidas. A Consellaría de Educación ten competencias en materia de ordenación educativa e pode e debe executalas. No que lle interesa ben que desobedece a normativa estatal, así que resulta contraditorio que semelle que tiña claro a folla de ruta a seguir e que esteamos a un mes de que remate o curso sen ningún tipo de explicación a respecto de que é o que motivou o atraso na tramitación desta norma. É por isto que a CIG-Ensino solicita a convocatoria urxente da Mesa Sectorial para que se dean todas as explicacións pertinentes e se coñeza que fórmula se vai empregar para organizar o vindeiro curso e se negocien os termos incluídos na mesma. Non é de recibo que as únicas explicacións que deu a directora xeral este ano á representación sindical foran no Consello Galego de FP, un órgano consultivo no que ten representación a patronal e outras entidades, o que demostra o seu desprezo polo persoal docente e o seu favoritismo polo mundo empresarial.
  • Con respecto á falta de transparencia e de información, a directora xeral confirmou que esta se lle está trasladando aos equipos directivos “coa cautela de que pode variar e ser provisional”. Pois ben, a CIG-Ensino ten constancia de que, agás na reunión que mantiveron o pasado 20 de marzo, a información que manexan as direccións dos centros nestes intres non é uniforme e que aínda que están intentando realizar unha mínima planificación para o vindeiro curso algunhas optan pola improvisación e outras por agardar a que estea todo máis definido, como por outra parte parece lóxico. Quen está constatado que apenas conta con ningunha información é o profesorado de FP que nestes intres lle traslada ao sindicato maioritario a súa preocupación por, entre outras, as seguintes cuestións:

- A previsión de que o Módulo de proxecto intermodular, obrigatorio a partir do vindeiro curso en CM e CS, non vaia ter atribución horaria semanal, o que implicará que se teña que titorizar fóra do horario lectivo tanto de profesorado como de alumnado. 

- A atribución docente do novo módulo optativo (que non se sabe ben que ten de optativo) "Competencias para o exercicio profesional" de 3 horas semanais que vai contar con dúas unidades formativas:

- Habilidades comunicativas en lingua estranxeira (60 h anuais)

- Afondamento nas competencias profesionais (30 h anuais)

Como se vai artellar a nivel horario a docencia destas dúas unidades formativas? A Consellaría bota balóns fóra dicindo que este módulo pode dar problemas de convalidación entre comunidades, mais a solución que propón non foi consensuada co profesorado e difire do anunciado o pasado ano pola propia directora xeral de que serviría para actualizar currículos dos ciclos e responder a novas demandas do sector profesional.

- A afectación que pode ter a redución horaria de IPE II no número de docentes de FOL e que módulos afíns poderá impartir este profesorado para completar o seu horario.

- A falta de previsión de reducións horarias para a titorización da dual ordinaria e intensiva que se implantará o vindeiro curso. Neste sentido, a CIG-Ensino denuncia que a dual actual segue sendo un foco de problemas e conflitos en moitos centros; que o alumnado non está interesado en cursar este réxime, de aí que queden prazas desertas ou se matricule un número moi baixo; que nalgúns casos non se atoparon empresas ou estas deciden prescindir do estudantado na metade da estadía por non querer pagar o estabelecido no convenio de colaboración… O profesorado está a converterse nunha ETT ou xestoría máis ca nunca e está farto de asumir funcións que non lle corresponden e que só serven para fornecer de man de obra barata algunhas empresas.

- A ausencia, unha vez máis, de formación en galego e orientada á realidade galega para os novos módulos (de IPE só hai unha editorial que ten traducido pero non adaptado un manual e de Dixitalización e de Sustentabilidade ningunha, ademais de que deste último as formacións que “organizou” a Consellaría deixounas en mans de Repsol e Naturgy).

- A falta de información a respecto da reforma na FP básica, á vez que leva máis de un ano de atraso a implantación do programa FPGal360 (foi anunciado por Rueda en xuño de 2024 cunha dotación de 24 millóns de euros até 2028 que non se sabe en que se gastou o correspondente a este primeiro ano) e sobre unha FP "adaptada" que de momento non é máis que outro anuncio fume do conselleiro.

- A incapacidade de incrementar oferta pública nos centros saturados a nivel de espazo e que a Consellaría siga autorizando oferta privada, fundamentalmente en familias profesionais de gran demanda, sen controlar a calidade educativa nin os medios e recursos dos centros nos que se imparte.

- A imposibilidade de iniciar con normalidade o curso 25/26 o vindeiro 8 de setembro con toda esta incerteza e a falta de flexibilidade amosada na negociación do calendario escolar para atrasar o comezo cando menos até o día 15.

Volver