
A consellaría de educación non acepta ningunha emenda ao anteproxecto de decreto de bacharelato
Mesa Sectorial 03-04-08: Decreto Bahcarelato.
Na Mesa Sectorial de hoxe, na que se trataba o borrador do Anteproxecto de Decreto polo que se estabelece a ordenación e o currículo de Bacharelato en Galiza, a Consellaría non aceptou de principio ningunha das emendas realizadas, limitándose a dicir que recollía as nosas achegas e que serían estudadas.
A Consellaría de Educación non acepta ningunha emenda ao Anteproxecto de Decreto de Bacharelato, o que significa que haberá unha hora menos de Filosofía, Educación Física e Historia
Na Mesa Sectorial de hoxe, na que se trataba o borrador do Anteproxecto de Decreto polo que se estabelece a ordenación e o currículo de Bacharelato en Galiza, a Consellaría non aceptou de principio ningunha das emendas realizadas, limitándose a dicir que recollía as nosas achegas e que serían estudadas. Ademais a CIG-Ensino denunciou o retraso con que se presentou este borrador para un Decreto que terá que ser aplicado a partir do 1 de setembro e a falta de participación e de debate do profesorado antes da súa aplicación.
A CIG-Ensino esixiu que no Anteproxecto se recolla:
- O incremento dunha hora na carga horaria das materias de Filosofía e cidadanía, Educación Física e Historia (achegamos cadro comparativo con todas as propostas). En consecuencia, a CIG-Ensino manifestou a súa desconformidade coa proposta da Consellaría, pois significa privar o alumnado dunha formación axeitada, para alén de que as tres materias precisan a carga horaria que teñen na actualidade para desenvolver o seu currículo, e mesmo para poder facelo desde unha perspectiva galega. A proposta da Consellaría deriva da necesidade de encaixar no horario de Bacharelato dúas horas de relixión, cuestión inaceptábel para a CIG-Ensino. A CIG entende que non debería formar parte do currículo e, en todo caso, que se estabeleza que o alumnado que queira cursar esta materia o faga fóra do horario escolar, de tal xeito que esta imposición non se traduza na redución horaria de materias esenciais na formación do alumnado nesta etapa educativa, o que ademais repercutiría negativamente nas condicións de traballo do profesorado destas materias. Téñase en conta que Filosofía ten neste momento unha carga horaria de tres horas e redúcese unha hora malia ampliar o seu currículo ao pasar a ser Filosofía e cidadanía. A proposta da Consellaría limítase exclusivamente a outorgarlle a carga lectiva que aparece fixada nas ensinanzas mínimas estabelecidas polo MEC (que fixa só o 55% do currículo, 2 horas). A proposta da Consellaría para Educación física é dunha hora, na actualidade ten dúas, co que pasa a ter menos carga horaria ca relixión. A Historia redúceselle unha hora, o que vai impedir que se poida exercer a potestade de fixar o 45% do seu currículo en Galiza, o que conlevará a imposibilidade de estudar a nosa historia.
A respecto de Filosofía e cidadanía, a CIG-Ensino manifestou que a redución horaria que se propón para esta materia é inaceptábel, considerando que se incrementan os contidos a impartir (cidadanía) e que ademais esta redución vai impedir que os contidos poidan ser impartidos desde unha perspectiva propia, galega, o que pon en evidencia unha dependencia centralista que se traduce en que os currículos da materias impartidas en Galiza se van reducir exclusivamente aos mínimos marcados a nivel de Estado. Filosofía debe contar coa dotación horaria suficiente para formar o alumando desde unha perspectiva crítica, para permitir unha reflexión crítica sobre o coñecemento, para dotar o alumnado das ferramentas necesarias para afondar na comprensión crítica da realidade galega e para reflexionar sobre a identidade e a cultura propia. Ademais cómpre que esta materia aborde tamén a historia do pensamento en Galiza, e que recolla a obra de pensadores galegos como os membros da Xeración Nós ou os ensaísta de Posguerra e da Ilustración.
Respecto da materia de Educación Física, tamén manifestamos a nosa posición contraria á redución horaria, pois significa reducir esta materia practicamente a cero e deixala cun horario inferior ao de relixión. Só se mantén a carga horaria mínima fixada no Real Decreto de Bacharelato. A proposta da Consellaría é contraria ás recomendacións de distintos organismos e, a parte de repercutir negativamente nas condicións laborais do profesorado, tamén repercute negativamente na formación do alumnado, pois o deporte é un elemento de vida sa e de calidade.
Respecto de Historia, a CIG-Ensino tamén rexeitou a proposta de reducion horaria. Esta materia ten unha grande cantidade de contidos, ademais a CIG-Ensino defende que unha parte importante do seu currículo trate sobre a historia de Galiza. A redución que propón a Consellaría vai impedir que os contidos poidan ser impartidos desde unha perspectiva propia, galega, o que pon en evidencia unha dependencia centralista que se traduce en que os currículos da materias impartidas en Galiza se van reducir exclusivamente aos mínimos marcados a nivel de Estado. Con esta proposta da Consellaría o alumando rematará o Bacharelato sen coñecer nin valorar a nosa propia historia, ignorando o propio e, por tanto, con carencias para transformar a súa propia sociedade.
De acordo con isto, a CIG-Ensino fixo a proposta inicial de distribución horaria que se vos achega, mais mostrámonos abertos a outro tipo de distribución que leve consigo que estas materias manteñan a actual carga horaria. Para manter estes horarios, se a Consellaría non acepta levar a impartición de relixión fóra do horario escolar, habería que estudar a redución das optativas, de primeiro e de segundo, a tres horas e que o incremento de horas para Ciencias do Mundo Contemporáneo fose soamente de dúas horas.
De non aceptarse a nosa proposta de manter a carga horaria actual, estaríamos falando de importantes consecuencias laborais para estes colectivos e non desbotamos levar a cabo mobilizacións.
A CIG esixiu tamén:
- Que todos os centros oferten obrigatoriamente dúas modalidades de Bacharelato, deste xeito aqueles que neste momento soamente ofertan os antigos bacharelatos de ciencias e de tecnoloxía, deberían implantar o Bacharelato de Humanidades ou de Artes, ademais do de Ciencias e Tecnoloxía. Ademais reclamamos que se amplíe a oferta de Bacharelato de Artes, que neste momento se oferta nun reducido número de centros. Esta medida é o único xeito de garantir que todo o alumnado estea nas mesmas condicións para acceder a distintas modalidades. Así mesmo defendemos que se lle garanta ao alumnado a posibilidade de escoller en todos os centros calquera das materias propias da súa modalidade e non condicionar esta elección “a un número suficiente de alumnos e alumnas”, pois deste xeito contradiríase a igualdade de oportunidades.
- A CIG-Ensino propón que se oferte obrigatoriamente como optativa música I e II, tanto en primeiro como en segundo, xa que non entendemos como a Consellaría quere limitar a que soamente poida ser cursada en primeiro ou segundo, e non nos dous cursos. Esta materia sae mal parada xa que desaparece Historia da música como propia da modalidade no Bacharelato de Humanidades, mentres a oferta do Bacharelato de Artes está, neste momento, limitada a moi poucos centros do país
- A CIG-Ensino propón que se inclúan, tamén, como optativas de oferta obrigatoria nos centros: Historia de Galiza, Literatura galega do s. XX, Literaturas hispánicas e Filosofía da ciencia.
- A CIG-Ensino manifestou que tal e como se recolle a posibilidade de cursar materias suspensas de 1º de Bac., cando non son máis de catro, e outras de 2º, non pasará de ser papel mollado, pois na práctica, aténdose á redacción que a Consellaría propón (se non coinciden no seu horario), moi pouco alumnado poderá facelo. Ademais a CIG esixiu que esta posibilidade non pode producir un incremento das rateos, que para a CIG-Ensino deben ser de 25 alumnos por aula e non superar nunca os 30.
- A CIG-Ensino propón que, ademais das materias sinaladas no Anteproxecto como de obrigada impartición en lingua galega, se impartan na nosa lingua tamén as optativas e unha materia máis das propias de cada modalidade.
A CIG-Ensino esixiu a retirada da Disposición Adicional 3 que impide que os centros que até o de agora non ofertaban Bac Tecnolóxico, poidan ofertar as materias de Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II, até que conten cos recursos específicos para ser impartidas. Para a CIG-Ensino é incomprensíbel que a estas alturas se pretenda recoller nun Decreto excepción que impedirán escoller a materia que che pareza máis axeitada, se cursas Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía.
Neste Decreto vaise recoller a derrogación do artigo 12.5 do Decreto do currículo da ESO, artigo que regula que para os efectos de promoción de curso se computará como unha única materia a que, sendo impartida en diferentes cursos, ten a mesma denominación.
Desde a CIG-Ensino consideramos inasumíbel a postura da Consellaría de Educación por non dar resposta a ningunha das nosas propostas. A CIG-Ensino levará as súas emendas ao seo do Consello Escolar de Galiza e non desbota levar a cabo medidas de mobilización se a Consellaría non se mostra receptiva.
Distribución Horaria Bacharelato
MATERIAS 1º CURSO MÍNIMOS PROPOSTA CONSELLARÍA ACTUAL PROPOSTA DA CIG Ciencias para o mundo contemporáneo 2 3 0 (+3) 3 Eduación Física 1 1 2 (-1) 2 Filosofía e cidadanía 2 2 3 (-1) 3 Lingua castelá 3 3 3 3 Lingua galega - 3 3 3 Lingua extranxeira 3 3 3 3 Relixión 2 1 2 (-1) 0 De modalidade 2 ¼ cada unha 3x4 3x4 3X4 Optativa 2 ¼ 4 4 3 TOTAL TOTAL 32 32 32 MATERIAS 2º CURSO MÍNIMOS PROPOSTA CONSELLARÍA ACTUAL PROPOSTA DA CIG Historia de España 2 3 4 (-1) 4 Historia de Filosofía 2 3 3 3 Lingua Castelá 3 3 3 3 Lingua Galega - 3 3 3 Lingua extranxeira 3 3 3 3 De modalidade 2 ¼ cada unha 3x4 horas 3x4 3X4 Optativa 2 ¼ 4 4 4 Relixión 1 0 (+1) 0 TOTAL TOTAL 32 32 32
MATERIAS 1º CURSO | MÍNIMOS | PROPOSTA CONSELLARÍA | ACTUAL | PROPOSTA DA CIG |
Ciencias para o mundo contemporáneo | 2 | 3 | 0 (+3) | 3 |
Eduación Física | 1 | 1 | 2 (-1) | 2 |
Filosofía e cidadanía | 2 | 2 | 3 (-1) | 3 |
Lingua castelá | 3 | 3 | 3 | 3 |
Lingua galega | - | 3 | 3 | 3 |
Lingua extranxeira | 3 | 3 | 3 | 3 |
Relixión | 2 | 1 | 2 (-1) | 0 |
De modalidade | 2 ¼ cada unha | 3x4 | 3x4 | 3X4 |
Optativa | 2 ¼ | 4 | 4 | 3 |
TOTAL | TOTAL | 32 | 32 | 32 |
MATERIAS 2º CURSO | MÍNIMOS | PROPOSTA CONSELLARÍA | ACTUAL | PROPOSTA DA CIG |
Historia de España | 2 | 3 | 4 (-1) | 4 |
Historia de Filosofía | 2 | 3 | 3 | 3 |
Lingua Castelá | 3 | 3 | 3 | 3 |
Lingua Galega | - | 3 | 3 | 3 |
Lingua extranxeira | 3 | 3 | 3 | 3 |
De modalidade | 2 ¼ cada unha | 3x4 horas | 3x4 | 3X4 |
Optativa | 2 ¼ | 4 | 4 | 4 |
Relixión | | 1 | 0 (+1) | 0 |
TOTAL | TOTAL | 32 | 32 | 32 |
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2008