A Consellaría de Educación négase a cubrir as prazas do profesorado solicitadas polos centros educativos

Mobilización o mércores 17 diante da Consellaría

A só 3 días de iniciarse o curso escolar en Secundaria ( ESO e Bacharelato) está a evidenciarse un recorte importante de profesorado nos centros educativos.
A Consellaría de Educación négase a cubrir as prazas do profesorado solicitadas polos centros educativos
                                     
A só 3 días de iniciarse o curso escolar en Secundaria ( ESO e Bacharelato) está a evidenciarse un recorte importante de profesorado nos centros educativos que se constata en que:
  • Máis de 50 centros viron recortados os cadros de persoal que tiñan asignado respecto do curso pasado.  
  • Non se cobren as prazas imprescindíbeis que están sendo solicitadas polos centros e que a Consellaría se nega a cubrir.
  • Adxudícanse destinos nos que o profesorado ten que impartir ademais da súa materia 1, 2 ou 3 materias que non son da súa especialidade. A porcentaxe de profesorado que ten que impartir afíns supón o 38,41% do total (546 profesores/as teñen 1 afín; 102 profesores/as con 2 materias afíns e 25 profesores/as con 3 materias que non son da súa especialidade) con perfís tan disparatados como os que van a seguir: Filosofía coas afíns Informática e Economía; Filosofía con  Latín e Xeografía e Historia; Latín con Francés e Música; Lingua e literatura castelá con Latín, X. e Historia e Cultura Clásica; Matemáticas con Física e Química, Bioloxía e Informática; Matemáticas con Física, Debuxo e Informática; Matemáticas con Bioloxía, Francés, Galego, Programa de D C e Taller de iniciativas emprendedoras; Tecnoloxía con Matemáticas, Bioloxía, Música e Taller de Iniciativas emprendedoras; Francés con Lingua e literatura castelá e Xeografía e Historia; Inglés con Lingua e lit. galega, Lingua e lit. castelá e X. e Historia; Música con Latín e Informática; Música con Bioloxía e Informática; Educación Física con Música e Debuxo.
 
Mentres isto sucede, por primeira vez hai profesorado funcionario de prácticas (profesorado que aprobou a oposición este curso) de Lingua galega e Lingua castelá que está sen colocar e a outros adxudicáronlles de oficio materias que non son da súa especialidade e o 22% dos interinos/as que traballaron todo o curso anterior, dos que algúns que levan traballando até 10 ou 15 anos, foron despedidos (máis de 135 profesores/as).
 
Esta política educativa de restrición de profesorado supón, entre outros, que:
  • Haxa aulas cunha rateo superior que o estabelecido legalmente ao non contar os repetidores para estabelecer os grupos.
  • Non se poidan levar a cabo desdobres.
  • Os centros non poidan executar programas previstos para reducir o fracaso escolar.
  • Non existan apoios educativos, nin que se leven a cabo Programas de Diversificación Curricular.
 
En resumo, con estas medidas é imposíbel afrontar o fracaso escolar e o abandono prematuro do sistema educativo e converxer co obxectivo da UE que fixa para o ano 2010 un máximo do 15% de abandono temperá do sistema educativo, cando en Galiza hoxe é do 30%.
 
Estamos, polo tanto, ante unha medida con nefastas repercusións sobre a calidade do ensino que comporta o despedimento de máis de 135 interinos/as que traballaron durante todo o curso anterior, aos que hai que engadir os nomeados durante o curso e a case totalidade dos substitutos/as.
 
Diante desta situación, a CIG-Ensino vén de solicitar unha entrevista coa Consellaría, a reunión da Mesa Sectorial docente non Universitaria e levará a cabo unha concentración o mércores, 17 de setembro, ás 11:30, diante da Consellaría para exixir a colocación do profesorado interino e que se doten os centros do profesorado necesario.
 

Volver