
A Consellaría de Educación mantívose inamobíbel ante as propostas ao calendario escolar, amosando o seu talante antidialogante
Non aceptaron tampouco ningunha proposta a respecto dos Contratos Programa
A CIG-Ensino denuncia o talante antidialogante da Consellaría de Educación, demostrado na Mesa Sectorial de hoxe na que se mantivo inamobíbel ante as propostas ao calendario escolar. Esta foi a proposta da Consellaría:
Inicio de curso |
Remate |
Nadal |
Semana Santa |
Entroido |
|
Primaria |
12/09 |
22/06 |
23/12 – 9/01 ambos os dous inclusive |
02/04 – 09/04 ambos os dous inclusive |
20/02 – 22/02 ambos os dous inclusive |
Secundaria |
16/09 |
A CIG-Ensino reclamou que o Calendario Escolar non supere os 175 días lectivos establecidos na LOE. Ademais realizou, entre outras, as seguintes propostas:
A modificación do período de descanso da Semana Santa, propoñendo que se iniciase o xoves santo, 5 de abril, e que se prolongase durante a semana seguinte até o día 13. Este calendario é o que xa existe nalgunha zona de Galiza, co que se unificarían as datas para todo o país e equilibraría os períodos de descanso de Nadal e Semana Santa na súa duración. Cómpre lembrar que o pasado ano, a Consellaría se comprometera a estudar esta proposta de cara ao vindeiro curso, co que non fixo.
A recuperación da xornada matinal reducida en xuño e setembro, unha demanda que conta co aval do 78% do profesorado que participou moi amplamente nas mobilizacións e na folga convocadas pola CIG-Ensino cando se eliminou esta xornada e que segue sendo unha cuestión fundamental desde un punto de vista pedagóxico e laboral, pois hai que considerar o cansazo do alumnado en xuño e a adaptación ao ritmo de aprendizaxe en setembro.
A CIG-Ensino, recollendo a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores, AELG, propuxo e defendeu que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, se inclúa no calendario escolar como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. A data sumaríase á do Día de Europa, Día dos Dereitos do Consumidor, Día Mundial da Saúde, etc. mais a Consellaría negouse a esta proposta, malia o seu carácter de recomendación para que os centros con ese motivo puidesen celebrar actos relacionados coa nosa autora, unha negativa que non se entende se non é desde o desprezo absoluto a todo o que nos é propio.
A CIG-Ensino tamén realizou outras propostas como o calendario nas EEOOII non pode comezar até rematar o mes de setembro, por cuestións organizativas xa que neste mes se realizan e avalían un alto núnmero de exames. Mais a Consellaría chegou dicir que non lle parecía relevante que o alumnado perdese quince días de clase por non poder incorporarse ás aulas ao estar pendente da realización e avaliación das probas de setembro.
Canto á FP a CIG-Ensino propuxo que as actividades lectivas rematen de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada ciclo formativo.
A Consellaría soamente aceptou prolongar o período de adaptación do alumnado de 3 anos até o 30 de setembro e volveu dicir que tomaba nota da proposta do cambio de datas da Semana Santa.
Resolución para a posta en marcha de contratos-programa dirixidos á mellorar do fracaso escolar.
Tampouco no tratamento desta Resolución a Consellaría aceptou proposta ningunha. A CIG-Ensino reclamou a retirada desta resolución por tratarse dunha proposta mercantilista que vai introducir diferenzas entre os centros educativos e que non serve para acadar o obxectivo fundamental que para a CIG-Ensino é a erradicación do fracaso escolar e, o que é peor, que non asume o principio de que a Educación é un dereito de todas e todos que a Administración educativa ten que garantir de tal maneira que se facilite a igualdade de oportunidades.
A proposta da Consellaría limítase a establecer os criterios de reparto duns fondos recibidos do Ministerio sen asumir ningunha responsabilidade. A CIG-Ensino criticou este “absentismo” da Consellaría de Educación e lembroulle que a mellora do éxito escolar pasa porque todos os centros reciban a dotación que precisan, tanto en recursos materiais, como profesorado, e, por tanto, atendendo as demandas dos centros. A CIG-Ensino criticou este afán propagandístico do actual goberno que dá lugar a resolucións de nome pomposo e grandilocuente que na realidade non introducen melloras reais no ensino, senón que están destinadas a xustificar comparecencias públicas do Conselleiro.
Na Mesa Sectorial quedou patente que a Consellaría ten unha visión empresarial e mercantil do ensino, pois chegouse equiparar os directores dos centros con presidentes de empresas. Ante isto, a CIG-Ensino denunciou que esta Administración educativa do PP ten unha concepción radicalmente equivocada, porque o ensino é un dereito que debe ter como propósito central procurar a igualdade de oportunidades e, por tanto, que todo o alumnado conte cos recursos necesarios para acadar os coñecementos básicos que lles permitan desenvolverse como cidadáns de plenos dereitos.