
A Consellaría de Educación malgasta máis dun millón de euros para perseguir o galego
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación vai gastar 1.100.428 euros entre este ano e o ano 2012 para substituír libros de texto en vigor soamente polo feito de estar no noso idioma
Esta cantidade destinada a comprar libros en español é unha cantidade elevada, o 9,6% do orzamento total destinado á subvencionar a adquisición de libros de texto, e cabe considerar que é un millón de euros que non se emprega para a adquisición de libros para os que caduca a vixencia, o que repercute na contía que recibirá cada familia, que se reduce.
Centros Plurilingües
Esta actitude de restar espazo ao noso idioma compróbase tamén no funcionamento dos centro plurilingües. No seu día, a CIG-Ensino xa denunciara que se trataba dunha ferramenta destinada a incrementar os fondos destinados aos centros concertados e pensada para restar horas ao noso idioma, efectivizándose os perigos sinalados no seu día polo Consello Consultivo, que o levaron a emitir informe desfavorábel contra o Decreto de uso do galego.
Pois ben, efectivamente, preténdese destinar fondos á privada, pois mentres un 11% de centros concertados se acolleron ao programa, só o 3,5% de centros públicos se acolleron ao mesmo.
Por outro lado, pódese comprobar que dos centros concertados plurilingües, un 75% imparte dúas ou tres materias en inglés (é dicir que case chega ao máximo dun terzo), fronte ao 24,2% dos centros públicos. Cómpre destacar que nun 23,8% dos centros públicos a materia que se imparte é “Coñecemento do medio”, precisamente a única materia que en Primaria o Decreto 79/2010 fixa como de obrigada impartición en galego, esta porcentaxe acada o 37,5% (máis dun terzo) no caso dos centros concertados. Ten a Consellaría comprobado que neses centros se estableceu outra materia da mesma carga horaria para ser impartida na nosa lingua? Moi posibelmente, non, considerando o seu posicionamento continuado contra o noso idioma, pois na pasada mesa sectorial en que a orde dos centros plurilingües pasou a definitiva non se deron contas dos resultados deste ano de aplicación experimental.
A CIG-Ensino demanda da Consellaría que cese no malgasto do diñeiro de todos os galegos e galegas para atacar o galego. Ao mesmo tempo, a CIG-Ensino esixirá que a Consellaría avalíe a aplicación desta orde durante este curso e entregue os resultados ás organizacións sindicais e que, como mínimo, se garanta a porcentaxe estabelecida na impartición en lingua galega.