
A Consellaría de Educación limita o dereito do profesorado á redución de xornada por garda legal para coidado de fillos e fillas
A medida únese á decisión de non conceder permisos sen soldo ante a inacción da administración para abrir listas de substitucións en varias especialidades
A Consellaría de Educación, logo de que desde a CIG-Ensino lle trasladásemos no día de onte o noso malestar pola negativa a conceder reducións de xornada por garda legal, enviou hoxe mesmo a listaxe de especialidades de secundaria, que relacionamos ao final desta nova, nas que Persoal non vai conceder nin permisos sen soldo nin reducións de xornada. O sindicato xa denunciara hai semanas a negativa da concesión de permisos sen soldo.
A medida de restrinxir o dereito a goza dunha redución de xornada para o coidado dunha menor ou maior a cargo supón unha violación dos dereitos do profesorado a quen, como ao conxunto das empregadas e empregados públicos, non se lle fixa ningún tipo de condición ou informe previo do seu centro de destino para poder exercer o dereito a reducir a súa xornada e o seu salario para atender unha crianza ou unha persoa maior a cargo.
A medida, segundo se nos explicou, nace da suposta colisión de dous dereitos, o do profesorado a ter esa redución, e o do alumnado a recibir docencia. Para a CIG-Ensino esta xustificación é improcedente e carece do máis mínimo rigor. Usando o mesmo argumento, estaría en disposición a Consellaría a non conceder permisos de maternidade ou paternidade?
A medida vén a incorporarse á decisión xa comunicada pola Dirección Xeral de non conceder permisos sen soldo nalgunhas especialidades nas que a limitación nas listaxes de substitución farían difícil ou imposíbel cubrir as prazas. Desde o sindicato xa lle trasladamos a nosa contrariedade con esta medida. Téñase en conta que estes permisos son habitualmente empregados por persoal interino nos meses ou semanas anteriores ás oposicións. Nun contexto normal ese tempo é habitualmente moi importante para moitas e moitos docentes, mais no caso excepcional deste curso é, se cabe, moito máis necesario non restrinxir ese dereito: alta carga de traballo, especialidades nas que non superar a proba pode implicar ir ao paro, etc…
Somos conscientes de que os permisos sen soldos están vinculados á necesidade do servizo mais nestes casos esa necesidade non vén provocada pola situación do centro senón pola inacción ou falta de xestión desa Dirección Xeral para adiantarse aos problemas e abrir listaxes en todas as especialidades nas que se sabe con tempo de antelación (e falamos dunha decisión que xa adoptaron hai máis dun mes) que poden esgotarse.
Mais se a non concesión de permisos sen soldo nos parece moi grave, a negativa a recoñecer o dereito á redución de xornada entendemos que é unha medida abertamente ilegal e que se toma sabendo que os prazos de reclamación e mesmo de recurso á vía xudicial farían imposíbel o exercicio dun dereito relacionado coa garda legal dun ou dunha menor a cargo.
A CIG-Ensino vén de dirixirlle un escrito á Dirección Xeral na que lle solicitamos:
- Que se levante a restrición á concesión de reducións de xornada por garda legal ou calquera outro permiso ou redución non vinculada coas necesidades do servizo na normativa legal en vigor.
- Que se abran todas as listaxes que sexan precisas para evitar a discriminación daquel profesorado que non vai poder optar a un permiso sen soldo pola falta de dilixencia da Administración.
RELACIÓN DE ESPECIALIDADES DE SECUNDARIA NAS QUE A CONSELLARÍA SE NEGA A CONCEDER REDUCIÓNS DE XORNADA OU PERMISOS SEN SOLDO
A administración non nos proporcionou unha listaxe de especialidade do corpo de mestres mais a CIG-Ensino ten coñecemento de que, cando menos na especialidade de ORIENTACIÓN, se están a denegar xa reducións de xornada.
- 59002 Grego
- 590003 Latín
- 590010 Francés
- 590053 Lingua Galega e Literatura
- 590107 Informática
- 590 111 Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos
- 590 112 Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica
- 590 120 Procesos e Produtos de Téxtil, Confección e Pel
- 590124 Sistemas electrónicos
- 590 125 Sistemas electrotécnicos e automáticos
- 591 202 Equipos electrónicos
- 591206 Instalacións electrotécnicas
- 591209 Mantemento de vehículos
- 591 210 Máquinas, Servizos e Produción
- 591 227 Sistemas e Aplicacións Informáticas
- 591 228 Soldadura
- 594 402 Arpa
- 594 405 Clave
- 594 410 Frauta Travesa
- 702 400 Relixión Católica
A Consellaría indica que a restrición do dereito a reducir xornada ou a ter permiso sen soldo se pode estender a outras especialidades e que revisarán as listaxes por se teñen que incorporar algunha máis.
.