A Consellaría de Educación incumpre a súa propia lexislación en materia de atención á diversidade

A administración ten sen cubrir prazas de PT e AL catalogadas, provocando a desatención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A atención a diversidade non é unha prioridade para a Consellaría de Educación e así se constata pola vía dos feitos dado que a día de hoxe segue a haber centros que continúan con prazas catalogadas de especialistas de atención a diversidade, (Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe), sen cubrir.

Despois de telo solicitado, en varias ocasións e por distintos medios, centros como o CEIP Wenceslao Fernández Flórez de Cambre ou o CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco da Laracha seguen sen AL e PT respectivamente, e un centro como o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo non viu cuberta a súa praza de AL (audición e linguaxe ) até esta pasada semana, cando xa levamos case un trimestre de curso.

Segundo o acordo do 8 de xuño de 2007, asinado pola Consellaría, a CIG-Ensino e a practica totalidade das demais organizacións sindicais, a Administración está obrigada a:

  • Dotar os centros dun cadro mínimo de profesorado en función do número de unidades. 
  • Incrementar a dotación anterior naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidades educativas especiais en función do número e da tipoloxía destas necesidades.

Non podemos máis que denunciar, por tanto, que a Consellería está a incumprir, ano tras ano, un acordo do que é partícipe, de todos os xeitos  posíbeis: deixando prazas de catálogo de especialistas de PT e AL sen cubrir dende inicio de curso, non incrementando suficientemente, como está obrigada, prazas de PT e AL definitivas por riba de catálogo nos casos de centros que presentan máis alumnado con necesidades especificas de apoio educativo e reducindo considerabelmente as prazas destes mesmos especialistas na etapa da Secundaria como se o alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo vise considerablemente reducidas ou desaparecesen a súas necesidades ao chegar a esta etapa.

A CIG-Ensino exixe que se dote deste persoal de apoio aos centros. En primeiro lugar, a aqueles que por catálogo así o teñen recoñecido, como os dous exemplos mencionados, e en segundo lugar a todos aqueles onde as necesidades reais requiran unha maior dotación de docentes especialistas.

Volver