
A Consellaría de Educación impide que o Consello Escolar ditamine o Decreto que transforma os Institutos de Ensino Secundario en Centros Integrados de Formación Profesional
Consello Escolar de Galiza
Trátase dun feito gravísimo e sen precedentes que a Consellaría non leve o Decreto aos órganos de participación legalmente establecidos. No caso dos Decretos, estes teñen un procedemento de tramitación que pode durar dous meses, pois cómpre que primeiro pasen pola Mesa Sectorial e, posteriormente, unha vez debatidos neste órgano, vaian ao Consello Escolar de Galicia, no que están representadas as organizacións sindicais do profesorado, as ANPAS, o alumnado, os movementos de renovación pedagóxica, os concellos e outros profesionais de recoñecido prestixio no ámbito educativo. Trátase dun procedemento que foi conculcado pola Consellaría de Educación.
Por que? Para evitar que o Consello Escolar de Galicia dese unha resposta negativa ao se Decreto. Non sería a primeira vez que a Consellaría recibía unha resposta negativa de toda a comunidade escolar, coa recomendación da retirada do documento, así sucedeu no caso do Decreto de Plurilingüismo ou da Lei de participación e convivencia.
Neste momento, repetiríase o rexeitamento a un novo proxecto da Consellaría, pois a realidade é que a súa desvergoña recibiu cumprida e merecida resposta: profesorado, pais e nais e alumnado mobilizáronse para denunciar a destrución de postos escolares, a vulneración dos dereitos do alumnado ao que se lle suprime o centro e a supresión de postos de traballo.
Por este motivo, a Consellaría dá un paso máis no seu autoritarismo xa non disimulado, nunha clara actitude ditatorial de imposición permanente, esmagando os dereitos de traballadoras e traballadores e agora furtando o dereito do alumnado e dos seus pais e nais, así como do resto dos membros da Comunidade educativa, a informar este Decreto que ten enormes e graves consecuencias na súa aplicación.
A Consellaría non ten límite no seu descaro, intolerancia e prepotencia. É unha desvergonza absoluta que vulnere as canles democráticas de participación e impoña as súas decisións, o seu modelo económico e político sen importarlle as consecuencias. Están dispostos a todo para levar adiante a súa reaccionaria ideoloxía, menten e ocultan, ante as cámaras falan de crear emprego, nos despachos firman decretos que o destrúen, sempre co mesmo obxectivo: favorecer o privado e desprestixiar o público.