A Consellaría de Educación impide a reserva do posto de traballo do persoal substituto que se atope de baixa no momento do chamamento

Incumprindo así o artigo 16.3 do texto sobre acceso e condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellaría de Educación

O artigo 16.3 o texto refundido polo que se regula o nomeamento do persoal interino e substituto di claramente que “aquelas persoas que non poidan tomar posesión por encontrarse de baixa por enfermidade reservaráselles o posto ata que se encontren en situación de alta, e nomearase mentres outro profesor substituto”. Porén, é a propia Consellaría a que incumpre sistematicamente a norma, limitando esta reserva para persoas de baixa médica ás tomas de posesións relacionadas coa adxudicación do CADP (Concurso de Adxudicación do Destinos Provisionais).

O 4 de setembro a Consellaría, a instancias dunha solicitude da CIG-Ensino logrou que o persoal en situación de corentena ou positivo por COVID-19 vira reservado o seu posto de traballo. Esa decisión debería ser de aplicación, tal e como di a normativa, a todo o persoal substituto.

O non cumprimento das normas de acceso do persoal substituto é máis grave, se cabe, neste momento xa que a Consellaría de Educación está a nomear a todo o persoal do programa ARCO con contratos equivalentes a unha substitución, tal e como veu facendo desde a posta en marcha deste contratos programa, con data de remate a 30 de xuño e cunha parte importante deles a xornada completa. Así, a docentes de baixa médica xa se lles comunicou que non se lles reserva o posto de traballo, o que para a CIG-Ensino é unha clara discriminación co resto do persoal interino e substituto.

CIG

Desde a CIG-Ensino esiximos que a Consellaría rectifique nesta decisión e aplique a reserva do posto de traballo a todo o persoal chamado para as listas de substitucións da Consellaría e que se atope de baixa médica.

 

 

Volver