A Consellaría de Educación exclúe o alumnado da FP Básica dos CIFP dos programas Recupéra-t

Publicada a resolución que establece as bases para a convocatoria dos Contratos-Programa, a Secretaría Xeral de Educación e FP, deixa fóra a unha parte do alumnado con maiores necesidades de axuda e apoio por cursar a súa formación nun CIFP

O contrato-programa Recupéra-T que se porá en marcha no vindeiro curso académico pretende, segundo a Consellaría, “reducir o impacto que a covid-19 tivo sobre o alumnado e as súas repercusións futuras, e proporcionar a atención educativa necesaria para a compensación de desigualdades xurdidas por esta situación. Neste sentido, e segundo a Consellaría, “constitúese como o marco para a mellora dos resultados escolares do alumnado, especialmente o máis vulnerable, e reflicte a estratexia de fomento da calidade, a equidade, a inclusión e o éxito na educación e formación.”

Dende a CIG-Ensino, queremos denunciar o despropósito da Consellaría, que vai deixar fóra deste programa a unha parte do alumnado que cursa os ciclos básicos de formación profesional por estar matriculado nun CIFP, creando un agravio comparativo máis entre a formación que se cursa nos IES e nos CIFP.

Debemos lembrar que este programa permitiría a dotación de apoios ao alumnado (precisamente no caso da FP Básica que recolle ao alumnado mais vulnerábel) e aos centros nos que estea escolarizado, un ano académico (2021-2022) no que a Consellaría xa ten previsto aumentar as ratios e reducir o número de profesorado dos centros de ensino do noso País, medidas contra as que a CIG-Ensino xa se mobilizou o pasado 9 de xuño e volverá a facelo o mércores 30.

A CIG-Ensino considera totalmente contraditoria coas declaracións tanto do Secretario Xeral de Educación como do propio conselleiro de contarmos cunha FP de calidade o feito de que unha parte do alumnado que cursa estudos de FP Básica non poida contar con profesorado de apoio vinculado ao programa Recupéra-T e vén de dirixir un escrito ao secretario xeral de Educación para que reconsidere a decisión adoptada e inclúa no contrato programa o alumnado de FP Básica dos CIFP. Neste sentido demanda que para estes centros se amplíe o prazo de solicitudes que para o resto dos centros de primaria e secundaria remata o 15 de xullo.

Os contrato-programa son un parche, non a solución.

A CIG-Ensino ten amosado reiteradamente a súa queixa por un formato de dotación de profesorado aos centros educativos, como acontece co caso do contrato-programa Recupéra-T, que xorde dun financiamento compartido (Fondo Social Europeo, Goberno estatal, Xunta e agora tamén o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia) mais non con vontade de continuidade ou estrutural, o que implica un parche parcial e insuficiente. O sindicato considera que os fondos deberían investirse en fortalecer e ampliar os cadros de persoal, especialmente con figuras de docentes de apoio para facer fronte dun xeito efectivo e permanente aos obxectivos dos contrato-programa. Con todo, unha vez que existen, o que non é de recibo é que se produzan exclusións nin discriminacións entre alumnado e centros.

Volver