A Consellaría de Educación escúdase nos servizos que presta a sanidade privada para xustificar o incumprimento das revisións médicas anuais voluntarias

Saúde laboral

A CIG-Ensino considera inaceptábel a resposta que a Consellaría de Educación deu ao Valedor do Pobo como xustificación do incumprimento da súa obriga de ofertar revisións médicas voluntarias aos traballadores deste organismo.
A Consellaría de Educación escúdase nos servizos que presta a sanidade privada para xustificar o incumprimento das revisións médicas anuais voluntarias
 
A CIG-Ensino considera inaceptábel a resposta que a Consellaría de Educación deu ao Valedor do Pobo como xustificación do incumprimento da súa obriga de ofertar revisións médicas voluntarias aos traballadores deste organismo.
A CIG-Ensino, logo de reclamar insistentemente diante da Consellaría de Educación para que se cumpra a lei que impón o dereito a unha revisión anual médica, dirixiuse ao Valedor do Pobo para que mediase co obxecto de facer respectar esta norma que xa está en vigor desde o ano 1995. Diante do requirimento do Valedor, a Consellaría escúsase en que os docentes, como calquera outro traballador, teñen asistencia médica nos servizos de saúde ordinarios, cousa que, evidentemente, non substitúe o regulado na lexislación de prevención de riscos laborais (Lei 31/1995, do 8 de novembro, modificada pola Lei 54/2003 e o Decreto 204/1997, do 24 de xullo que crea o servizo de prevención de riscos laborais para o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galiza).
A Consellaría de Educación mesmo chega a facer mención e promoción dos concertos coa sanidade privada como alternativa ao cumprimento da lexislación citada ao referirse a que moitos docentes “teñen concertada a asistencia sanitaria con aseguradoras privadas, o que lles permite realizar, a petición propia, revisións periódicas da súa saúde que inclúen probas como as realizadas ao persoal non docente dentro da vixilancia da saúde efectuada pola consellaría”. Con este argumento a Consellaría de Educación deixa en evidencia o seu ideario contrario ao sector público ao animar aos seus traballadores a elixir a adscrición a aseguradoras privadas para recibir un servizo que eles se negan a prestar.
Parécenos, así mesmo, moi grave que se interprete deste xeito a normativa polas consecuencias que isto tería para outros colectivos que teñen este mesmo dereito, o cal implicaría a abolición deste tipo de probas que teñen unha filosofía preventiva e que nada teñen que ver coas consultas ordinarias que todos os traballadores e todas as traballadores realizan diante de calquera afección que se puidera presentar ou mesmo sospeita desta. Evidentemente ninguén ten coñecementos médicos para saber cales deben ser as probas que debe solicitar para revisar a súa saúde dun xeito integral e tan só se fan este tipo de solicitudes cando se ten algunha doenza determinada.
A CIG-Ensino volveu remitir ao Valedor do Pobo a nosa queixa diante da resposta da Consellaría porque entendemos que o elevado número de traballadores/as e o custo que isto representaría non é argumento para denegar o cumprimento dunha lexislación elaborada, tendo en conta eses datos. Por isto, insistimos en que non nos parece de recibo que recomende as aseguradoras privadas como alternativa ao incumprimento da lexislación de prevención de riscos e que continúe negándolles aos docentes o dereito de poder revisar unha vez ao ano a súa saúde.

Volver