A Consellaria de Educación desatende a formación do profesorado e reincide no desprestixio do mesmo

Centros de Formación e Recursos

A Consellaría de Educación está a reducir drasticamente o número de prazas de asesores para a formación do profesorado nos CFR (Centros de Formación e Recursos e Servizos Centrais). A CIG-Ensino vén de elaborar un estudo no que se pon de manifesto que, desde que o PP entrou a gobernar, se reduciu nun 26,04% o número de profesorado que desempeña o seu traballo apoiando, asesorando, formando e achegando recursos aos centros educativos. Hoxe, só 78 profesores/as teñen que atender a formación de máis de 33.000 docentes, cando, como mínimo, terían que ser 96 que son as prazas que hai creadas.
A Consellaria de Educación desatende a formación do profesorado e reincide no desprestixio do mesmo
 
A Consellaría de Educación está a reducir drasticamente o número de prazas de asesores para a formación do profesorado nos CFR (Centros de Formación e Recursos e Servizos Centrais). A CIG-Ensino vén de elaborar un estudo no que se pon de manifesto que, desde que o PP entrou a gobernar, se reduciu nun 26,04% o número de profesorado que desempeña o seu traballo apoiando, asesorando, formando e achegando recursos aos centros educativos. Hoxe, só 78 profesores/as teñen que atender a formación de máis de 33.000 docentes, cando, como mínimo, terían que ser 96 que son as prazas que hai creadas.
 
É unha evidencia a necesidade de formación do profesorado, máxime neste momento en que están a aplicar novos currículos, que garanta a formación didáctica e metodolóxica para mellorar a educación. Porén, a Consellaría esquece esta necesidade e recorta o número de asesorías deixando o profesorado sen a formación que precisa. Exemplo moi elocuente a este respecto é o proxecto ABALAR; preténdese aplicar o uso das novas tecnoloxías nas aulas e comprometer ao profesorado participante no proxecto sen formalo previamente.
 
O 9 % das prazas (7 de 78) están cubertas sen ningún tipo de convocatoria. Isto é unha mostra de como a Consellaría reincide na súa actitude nepotista. No pasado curso, non houbo convocatoria pública de asesores/as e debería estar convocada xa a do presente curso. Desde a CIG-Ensino, entendemos que se se segue adiando a nova oferta, atoparémonos de novo negociando aspectos fundamentais que afectan ao profesorado cando este está de vacacións, o cal vén sendo unha práctica habitual desde que o goberno do PP rexe esta Consellaría. Esta maneira de proceder implica que a Consellaría nomee a dedo o persoal ao seu servizo, actitude que a CIG-Ensino denunciou repetidas veces.
 
A Consellaría está a elaborar un novo decreto que regule a Formación do Profesorado. Unha vez máis, dáselle as costas ao profesorado e non se ten en conta nin a súa opinión nin a súa colaboración. Resulta paradoxal que a Consellaría alardee do seu impulso ao prestixio do profesorado, ao mesmo tempo que o está ninguneando á hora de elaborar as normas que lle van afectar e impedindo o exercicio do dereito a formarse como fulcral para avanzar na mellora do ensino.
 
Do estudo realizado pola CIG-Ensino despréndese tamén que a redución de persoal trouxo como consecuencia o recorte de cursos dirixidos ao profesorado. A modo de exemplo, se cotexamos as actividades realizadas no curso 2008-9 fronte ao ano académico 2009-10, atopámonos con que en Santiago reducíronse 7 cursos e 22 grupos de traballo, en Ferrol pasouse de 10 proxectos de formación e atención a centros a 4, en Ourense reducíronse 7 cursos e en Vigo 11. Por outra parte, son numerosos os cursos nos que se conta por centros o profesorado que queda excluído por falta de prazas. Desde os Servizos Centrais da Consellaría ofertáronse cursos que finalmente se suspenderon malia ter unha elevada matrícula.
 
O profesorado que pasou unha convocatoria pública para acceder ás prazas de asesor/a sofre o abuso da Administración, ao sufrir unha avaliación totalmente arbitraria. Non hai criterios fixados para tal avaliación, de maneira que nalgúns casos prorróganse os servizos dos/as asesores/as por 1 ano, noutros casos por 3 e mesmo se decide prescindir do/a asesor/a, sen argumento de ningún tipo.
 
Outro aspecto rechamante que advertiu a CIG-Ensino é o feito de que nos Servizos Centrais boa parte das asesorías está desempeñada por profesorado doutras materias: son asesores/as de lingua castelá, xeografía e historia e matemáticas, docentes de lingua galega, educación física e educación primaria respectivamente.
 
 
Tamén temos que engadir que vai rematar o curso escolar sen que se elabore nin se desenvolva o “Plano de Formación que garanta que todo o profesorado da Consellaría teña coñecementos de aspectos sociolingüísticos do idioma e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego”, segundo o recollido no artigo 3 do Decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no ensino público. Unha mostra máis do ataque permanente da Consellaría á normalización lingüística e do desleixo para formar o profesorado no noso idioma.
 
 
En conclusión, desde a CIG-Ensino queremos denunciar a desatención da Consellaría á formación do profesorado, o seu desprezo polo mesmo, o seu comportamento caciquil e a súa política de recorte e aforro en aspectos cruciais para o ensino público, mentres incrementa descaradamente as partidas orzamentarias destinadas ao ensino privado concertado. Exiximos, urxentemente, a convocatoria de novas prazas para cubrir as vacantes que neste momento están sen cubrir nas diferentes estruturas do profesorado.

Volver