A Consellaría de Educación degrada os programas de cualificación profesional inicial (PCPI)
Unha vez máis a Consellaría evita a negociación na Mesa Sectorial
Como é sabido, o alumnado dos PCPI( programas de cualificación profesional inicial) é alumnado en risco de exclusión escolar, polo que estes programas precisan dun seguimento e atención educativa personalizada e grupos reducidos. Se xa é excesivo fixar un número máximo en 15 alumnos/as por grupo no primeiro curso, a pretensión de que no segundo curso poidan superar os 30 alumnos/as por aula é un disparate pedagóxico, sendo imposíbel unha educación apropiada a este alumnado. A masificación destas aulas pode ser fonte permanente de conflitos e provocaran resultados negativos e contrarios ao obxecto destes programas, con peores resultados, tanto pedagóxicos como académicos.
O alumnado de PCPI-2 merece unha atención educativa personalizada que compense as carencias que, moitas veces, se dan por proceder este alumnado dun medio socioeconómico e familiar falto de recursos ou pouco estimulante. Concentrar 30 alumnos/ as destes programas nunha clase é concentrar problemas e condenar ao alumnado ao fracaso escolar
A CIG-ENSINO, quere denuncia que , unha máis unha vez, este borrador de orde non pasou pola Mesa Sectorial Docente non Universitaria e esixe da Consellaría que cese coas súa política educativa mercantilista e que non escamoteo medios, recursos e profesorado para facer fronte ao fracaso escolar. Para iso, ACIG-ENSINO vaille esixir a Consellaría a modificación da proxecto de orde antes de ser publicada para que, contemple a necesidade de dotar de profesorado suficiente os centros, garanta a demanda de PCPI solicitados polos centros, non supere a rateo de 15 alumnos/as por grupo, facilite reforzos, como mínimo un profesor por área e reduza o número de horas lectivas para o profesorado que imparte docencia nestes programas, co obxecto que dedique horas a coordinación de grupo e á adaptación dos materiais curriculares á realidade do alumnado.