A Consellaría de Educación considera que só o 29% do funcionariado de carreira do corpo de PTFP cumpre os requisitos de integración no corpo de PES
A CIG-Ensino defende a integración de todo o PTFP sen excepción
Así o afirmaron os máximos responsábeis de persoal na Mesa Sectorial tendo en conta a interpretación que fan da modificación da LOMLOE que regula a extinción do corpo de PTFP e os datos de titulación do profesorado afectado.
Funcionariado de Carreira
A Consellaría cifra nun total de 404 o persoal docente do corpo de PTFP que neste momento ten unha titulación de Grao, Licenciatura, Enxeñaría ou Arquitectura e que, segundo a interpretación que fai a administración galega, se podería integrar no corpo de PES tras a entrada en vigor da LOMLOE.
A Consellaría entende que a reforma exclúe a aquel profesorado que teña titulación de Diplomatura, Enxeñaría Técnica ou Arquitectura Técnica, a maiores do profesorado con titulación superior de FP. O argumento empregado pola Consellaría reside na redacción da disposición adicional undécima proposta na LOMLOE na que se regula o procedemento de ingreso ou acceso no corpo de PES do PTFP, indicando que se debe contar con titulación de Grao universitario, ou equivalente a efectos de acceso a la función pública. Sempre segundo a interpretación da Consellaría, as titulacións universitarias de grao medio poderían ser, como de feito xa acontece na actualidade nalgunhas especialidades de PES, equivalentes a efectos de docencia (así figura actualmente para PES no artigo 94 da LOE) mais non de acceso á función pública.
Segundo os datos proporcionados pola administración un 71% do funcionariado de carreira quedaría a extinguir no corpo de PTFP (991 de 1.395).
Persoal Interino
Ao respecto do funcionariado interino, un 55% non cumpriría os requisitos de titulación (452 de 828) por un 45% que si o faría (376). O futuro de parte deste persoal estaría en cuestión, se non supera as oposicións que terán lugar no 2021. En concreto aqueles que teñan titulación de FP xa que a redacción da LOMLOE só permitiría a contratación de profesorado con esa titulación con carácter excepcional e como profesorado especialista con contratación laboral.
A Consellaría afirmou na Mesa Sectorial que non saben neste momento como van xestionar o curso académico seguinte e advirten da complexidade de que para un mesmo tipo de praza poidan confluír tres categorías (PES das novas especialidades integradas desde PTFP, PTFP a extinguir e profesorado especialista) o que poderá dar pé a conflitos de intereses e de xestión das substitucións moi importantes. Advirten tamén das dificultades que xa teñen a día de hoxe para atopar profesorado que teña competencia docente nas 10 especialidades ás que se pode acceder con titulación de FP e que se poden agravar coa modalidade de contratación laboral fixada na LOMLOE.
Os responsábeis da Consellaría chegaron a afirmar que non sabían se as persoas que están hoxe nas listas van poder continuar nelas (en referencia a quen non teñen a titulación requirida).
Información proporcionada pola Consellaría sobre o profesorado do corpo de PTFP
Persoal funcionario de carreira PTFP: 1.395
- 404 con titulación de grao ou equivalente no acceso á función pública (licenciatura, enxeñería ou arquitectura).
- 991 sen titulación de grao ou equivalente no acceso á función pública (inclúe titulacións de diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou títulos superiores de FP).
Persoal funcionario interino PTFP: 828
- 376 con titulación de grao ou equivalente no acceso á función pública.
- 452 sen titulación de grao ou equivalente no acceso á función pública.
A consellaría indica que os datos do persoal interino son 100% seguros ao se tirar dos datos de titulación que presentan nas oposicións.
Datos por especialidades
Os datos proporcionados pola Consellaría permiten observar diferenzas moi grandes entre as diferentes especialidades. Podes acceder aos datos nesta ligazón.
A CIG-Ensino defende a integración de todo o PTFP sen excepción
A CIG-Ensino reafírmase na súa posición favorábel a un proceso de integración do PTFP no corpo de PES mais está en desacordo coas formas, como xa fixo público reiteradamente tanto en comunicados como nas diferentes asembleas que está a facer por todos os centros afectados.
O sindicato considera que o Ministerio debería ter saído xa a dar explicacións sobre as súas intencións se é que finalmente non van modificar a redacción dos artigos que regulan a extinción do corpo de PTFP. Tamén que a Xunta non está a facer toda a presión que debería nestes momentos. Se finalmente o texto actual se confirma a CIG-Ensino defenderá na negociación que se produza na Mesa Sectorial do Estado que se busque unha solución para que todas as actuais titulacións (universitarias de grao medio ou FP superior) poidan ser aceptadas para o acceso á función pública, mesmo se para iso fose preciso modificar o EBEP para que o profesorado poida ter unha regulación específica que remedie a inxustiza que se está a cometer.
A CIG-Ensino solicitoulle á Consellaría que desagregara os datos do profesorado que considera sen titulación para ver cantos son os que teñen titulación de FP e así poder medir a incidencia do problema da exclusión destes docentes se finalmente o Ministerio, de acordo coas CC.AA., permite a integración de docentes con diplomaturas, Enxeñarías e Arquitectura. Neste sentido, moito terá que dicir tamén a administración galega. Veremos se chegado o momento se pon do lado do profesorado, na liña que entre outros, defende a CIG-Ensino, ou non.