A Consellaría de Educación condenada a devolver o diñeiro descontado a unha docente por unha baixa derivada dunha operación
A sentenza conclúe que a Consellaría foi máis restritiva na aplicación da normativa imposta pola Xunta e o goberno español para a redución salarial en caso de baixa do que a propia lei permitía
Unha mestra viu reducido o seu salario en aplicación dos recortes iniciados polo goberno Rajoy e obedientemente implantados en Galiza por Feijóo. Logo dunha baixa de tan só 1 semana sufriu un desconto de 168 €. A baixa estaba motivada por unha intervención cirúrxica oftalmolóxica.
A CIG-Ensino procurou, antes de esgotar a vía administrativa, evitar o xuízo, alertando á Consellaría do seu abuso de poder, ao fundamentar o recorte salarial nunhas instrucións internas que non teñen carácter normativo e non poden limitar os dereitos do seu persoal. A Consellaría pechouse en banda e seguiu adiante co recorte salarial. A sentenza recolle e fai súa a argumentación da CIG-Ensino, cuxos servizos xurídicos se encargaron da defensa da docente.
Así, na sentenza afírmase que a Lei 1/2012 (a que impón os descontos por baixas médicas) non distingue que intervencións cirúrxicas dan dereito ao cobro do 100% do salario e cales non. A lei inclúe como excepcións os recortes por ter problemas de saúde a hospitalización, as intervencións cirúrxicas e as I.T. derivadas do embarazo. A Consellaría de Educación, no seu afán recadador no peto do seu persoal, decidiu ditar unhas instrucións de uso interno nas que só se recoñecían como intervencións cirúrxicas para efectos de desconto aquelas incluídas na carteira de servizos do sistema sanitario público.
Na fundamentación xurídica, a titular do xulgado fai fincapé en que as instrucións non son nin sequera un desenvolvemento regulamentario da norma. Esta pauta de actuación da Consellaría de Educación xa lle custou con anterioridade outros tiróns de orellas por parte da xustiza. Agora, a sentenza obriga á devolución dos cartos descontados e imponlle as costas do xuízo á propia Consellaría.
Desde a CIG-Ensino esixímoslle á Consellaría que deixe de lado o seu xeito de administrar, abertamente ilegal, o seu persoal, restrinxíndolle dereitos por riba do que as propias leis ditadas polo PP implican de deterioro das condicións de traballo e salario do persoal. Igualmente a CIG-Ensino esixe a no aplicación desas instrucións no sentido que a propia sentenza recolle: “abonda coa non aplicación da instrución por entendela contraria á norma xeral”, evitando os descontos salariais en casos de intervencións cirúrxicas, sexan estas como sexan.
Por último, a CIG-Ensino lémbralle ao goberno galego a tremenda inxustiza que está a cometer ao castigar o profesorado, como o resto das empregadas e empregados públicos, por non gozar de boa saúde, instando á derrogación dos apartados da Lei 1/2012 que reducen o salario das persoas con baixa médica.