A Consellaría de Educación, co apoio de CCOO, ANPE e STEG, marxina o profesorado galego na formación

Polo dereito do profesorado galego á formación en igualdade de condicións que o do resto do Estado

A CIG-Ensino quere denunciar a discriminación que está a padecer o profesorado galego ao negarse a Consellaría de Educación a homologar cursos de máis de 30 horas debido a que: · A Consellaría vén de denegarlle á CIG-Ensino a homologación do curso: “Normalización lingüística. Historia e socioloxía da Educación” de 50 horas de duración. Noutra edición, este mesmo curso, coa mesma duración e contidos, xa foi homologado, con data de 12 de novembro de 2010 pola propia Consellaría de Educación. 

O MEC e/ou outras administracións educativas, as universidades e as organizacións sindicais estatais, están a realizar cursos de formación do profesorado de diferentes duracións, mesmamente de máis de 100 horas, sen ningún tipo de restrición. A propia Consellaría de Educación da Xunta de Galicia oferta cursos de “desenvolvemento da competencia comunicativa e lingüística” cunha duración de 100 horas. É dicir, as organizacións sindicais que aquí se opoñen a que se nos homologue o curso de 50 horas non teñen inconveniente en organizar e homologar cursos de 30, 50, 100 e 110 horas.  


·    A prohibición tórnase, se cabe, máis grave, porque a Consellaría nos seus baremos para o acceso á función pública docente (1)  e acceso a cátedras (2) ten estabelecidos diferentes tramos para a formación, atendendo á duración dos cursos, de tal maneira que soamente se pode conseguir a puntuación por algúns apartados se os cursos son de menos de 20 horas, de máis de 30 horas, de máis de 50 horas ou de 100 horas, dependendo das convocatorias.  Porén, négase a homologar o curso de CIG-Ensino de 50 horas.  


·    Independentemente das motivacións políticas que puidese haber para serlle denegada a  homologación á CIG-Ensino, estamos ante unha decisión disparatada, arbitraria, inxusta e, o que é peor, discriminatoria para o profesorado galego. Non é casualidade que a denegación de homologación sexa para un curso sobre normalización lingüística, evidenciándose unha vez máis a cruzada da Consellaría contra o noso idioma.


·    A decisión da Consellaría, defendida por CCOO, STEG e ANPE, non está amparada en ningunha norma legal, pois nin o Decreto 99/2006 do 15 de xuño polo que se regula a planificación, organización e funcionamento da formación do profesorado nin a Orde pola que se convoca e se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades (DOG do 11 de abril de 2007) impiden, limitan ou condicionan a homologación das actividades de formación, segundo o tempo de duración, o que amosa que estamos ante unha actuación totalmente ilegal.

Resulta escandalosa a actitude dos sindicatos CCOO, STEG-STEs e ANPE que apoiaron a Consellaría por intereses particulares para que só eles poidan ofertar cursos deste tipo, con outras administracións educativas do Estado. Estas organizacións, con sede central fóra de Galiza,  defenden este límite horario aquí, mentres que celebran cursos a distancia de máis de 100 horas, homologados por Administracións educativas non galegas. Así, din estar en superioridade de condicións fronte á única central galega, a CIG.  Para iso, non lles importa nin a exclusión da nosa lingua nin os danos causados ao conxunto dos/das docentes galegos/as. Porén, UGT xunto coa CIG-Ensino manifestáronse, en todo momento, contrarios a esta agresión ao profesorado galego.

En canto á Consellaría de Educación, temos que denunciar a súa actitude partidista, xa que, co apoio destas organizacións sindicais, que representan unha minoría sindical, non atende as demandas da maioría sindical que defende o dereito do profesorado galego a formarse nas mesmas condicións e cos mesmos dereitos que os do resto do Estado. Isto é porque  a Consellaría –que debera velar pola formación do profesorado e a promoción da nosa lingua no ensino- fai deserción das súas funcións e demostra o seu desprezo pola formación do profesorado, pola nosa lingua e, en definitiva, pola calidade do ensino galego, ao mesmo tempo que persegue a CIG-Ensino.


(1) Orde do 11 de marzo de 2010 pola que se convoca procedemento selectivo de ingreso no corpo de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira do corpo de mestres da Comunidade Autónoma deGalicia.

2.5. Formación permanente:
Por cada curso de formación permanente e perfeccionamento superado, relacionado coa especialidade a que se opta ou coa organización escolar, as novas tecnoloxías aplicadas á educación, a psicopedagoxía ou a socioloxía da educación, convocado por administracións públicas con plenas competencias educativas ou por universidades, ou actividades incluídas no plan de formación permanente organizadas por entidades colaboradoras coas administracións educativas ou actividades recoñecidas pola administración educativa correspondente:
a) Non inferior a 10 créditos 0,500 puntos Certificado en que conste de modo expreso o número de créditos. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou homologación.
b) Non inferior a 3 créditos 0,200 puntos Certificado en que conste de modo expreso o número de créditos. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou homologación.
Exclusivamente para a especialidade de música, valoraranse nos mesmos termos os cursos organizados polos conservatorios de música.
Para os efectos desta subepígrafe, sempre que cumpran os requisitos especificados, acumularanse os cursos non inferiores a dous créditos, puntuándose cada dous cursos con 0,200
puntos.
3.2. Por cursos de formación permanente e perfeccionamento, relacionados coa especialidade a que se opta ou coa organización escolar, as novas tecnoloxías á educación, a psicopedagoxía ou a socioloxía da educación, convocados por administracións públicas con plenas competencias educativas ou por universidades, ou actividades incluídas no plan de formación permanente organizados por entidades colaboradoras coas administracións educativas, ou actividades recoñecidas pola administración educativa correspondente, inferiores a dous créditos ou tamén superiores no caso de horas impartidas. Tanto nos cursos recibidos como nos impartidos as horas son acumulables.
-0,05 puntos por cada 10 horas recibidas.
-0,05 puntos por cada 5 horas impartidas.

(2) Orde do 10 de novembro de 2007 pola que se convoca procedemento de acceso aos corpos de catedráticos de ensino secundario, de artes plásticas e deseño e de escolas oficiais de idiomas.

A disposición adicional décima, números 1, 2 e 3 da

II. Cursos de formación e perfeccionamento superados e actividades de innovación e investigación educativa: máximo 3 puntos
2.1. Por asistencia ou participación en cursos de formación e perfeccionamento, seminarios permanentes, grupos de traballo ou proxectos de formación de profesorado cunha duración non inferior a 10 horas e non superior a 49, convocado por administracións públicas con plenas competencias educativas ou por universidades, ou actividades recoñecidas pola Administración educativa correspondente. Por cada 10 horas, 0,025 puntos ata un máximo de 1,500 puntos. Fotocopia compulsada do certificado de asistencia. De non figurar o número de horas, deberá xuntarse certificado da autoridade convócante en que se faga constar a duración en horas. Para estes efectos sumaranse as horas de todos os cursos e non se puntuarán o resto do número de horas inferiores a 10
Méritos Puntos Documentos xustificativos.
2.2. Por asistencia ou participación en cursos de formación e perfeccionamento, seminarios permanentes, grupos de traballo ou proxectos de formación de profesorado cunha duración non inferior a 50 horas, convocado por administracións públicas con plenas competencias educativas ou por universidades, ou actividades recoñecidas pola Administración educativa correspondente.
Por cada 10 horas, 0,025 puntos ata un máximo de 1,500 puntos. Fotocopia compulsada do certificado de asistencia. De non figurar o número de horas, deberá xuntarse certificado da autoridade convocante en que se faga constar a duración en horas. Para estes efectos sumaranse as horas de todos os cursos e non se puntuarán o resto do número de horas inferiores a 10
2.3. Por actividades de innovación e/ou investigación educativa recoñecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 0,25 puntos por cada actividade ata un máximo de 1 punto.
Copia da certificación correspondente.

Volver