A Consellaría de educación certifica como formación do profesorado unhas xornadas das que forman parte a asistencia á misa, sesión fotográfica e banquete
A Consellaría de Educación confesional e trapalleira
O máis sorprendente e inaudito é que do programa destas xornadas forme parte a asistencia a unha misa na catedral de Ourense (1 hora), unha foto de homenaxe (media hora) e un banquete. Alberto Núñez Feijoo impartirá unha lección maxistral (40 minutos), Jesús Vázquez Abad a “laudatio” ao homenaxeado (41 minutos) e o Presidente da Deputación, J. Luís Baltar, a clausura (20 minutos).
Isto é a mostra máis contundente do uso pernicioso e fraudulento do poder que están a facer, tanto o Presidente da Xunta como o Conselleiro de Educación, ao actuar de maneira nepótica, no que todo vale, aínda que se vulnere a legalidade, cando se trata de beneficiar as organizacións ideoloxicamente afíns.
Por iniciativa da CIG-Ensino abordouse este asunto na Comisión de homologación de actividades de formación, xa que denunciou esta irregulariedade e pediu á Consellaría que tomase as medidas oportunas para impedir a homologación da mesma.
A CIG-Ensino exixe do Presidente da Xunta e do Conselleiro de Educación a súa rectificación, pois, desde a CIG-Ensino, non imos permitir que se homologue como formación do profesorado a asistencia a misas, sesións fotográficas e banquetes, nin que se banalice e desprestixie a nosa formación.
Hai que constatar que a regulación da formación permanente do profesorado está recollida na Orde de 1 de marzo de 2007 que estabelece os requisitos para homologar a formación do profesorado, requisitos que, como é obvio, esta actividade non cumpre.
Novas relacionadas