A Consellaría de Educación cárgase o Servizo de Prevención de Riscos Laborais

Así se pode constatar no Decreto que regula a estrutura orgánica da Consellaría de Educación publicado no DOG do 1 de decembro

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais vén de ser eliminado da estrutura orgánica da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, no marco da actualización tras a unión de Cultura e Educación, tal e como se pode comprobar no DOG de hoxe.

Até este momento, dependendo da Subdirección Xeral de Recursos Educativos Complementarios, que tamén desaparece, existía un Servizo de Prevención que, a xuízo da CIG-Ensino, tiña unha dotación de persoal totalmente insuficiente.

Co novo decreto, a Consellaría desvaloriza aínda máis o nivel que lle dá a protección da saúde do persoal dos centros educativos, ao converter un Servizo propio nunha simple función encomendada directamente á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no caso do persoal da área de Educación e da Vicesecretaría Xeral no caso do persoal da área de Cultura, mais sen a categoría e soporte dun Servizo propio.

Para a CIG-Ensino a decisión adoptada vai no sentido contrario ao que precisa a prevención de riscos, a seguridade e saúde laboral do profesorado e outro persoal non docente así como o coidado da saúde e acontece nun momento no que quedou claramente en cuestión o papel da Consellaría de Educación na protección de todo o persoal dos centros educativos nas actuacións contra a covid-19 como se constatou no requirimento da Inspección de Traballo logo das denuncias presentadas pola CIG.

Incumprimento da normativa legal da propia Xunta en materia de prevención de riscos

O Decreto 204/1997 creou o Servizo de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galiza e na súa disposición adicional 1º indícase expresamente que a Consellería de Educación, respecto do persoal e centros docentes ten que crear e regular o seu propio servizo de riscos laborais. Este Servizo veu funcionando até o día de hoxe, no que sorprendentemente se anula por parte do conselleiro de Educación.

Reforzar a prevención de riscos

A CIG-Ensino solicita que se rectifique esta decisión, que se recupere o Servizo de Prevención e que se dote dos recursos humanos necesarios para poder afrontar todos os retos que non quen de asumir en materia de seguridade e saúde laboral.

Ao tempo, desde o sindicato demandamos que se reforce a prevención de riscos nas Xefaturas Territoriais, igualmente moi deficientes e practicamente baleiras de contido, nun formato de privatización de servizos que levou á Consellaría a externalizar practicamente toda a actividade que lle debería corresponder a servizos propios da administración educativa.

Volver