
A Consellaría de Educación aplica o primeiro recorte aos cadros de persoal
O mes de setembro iniciarase con diversas mobilizacións contra a imposición da modificación da xornada de traballo e as reducións de postos de traballo que isto significa
A Consellaría, a piques de rematar o mes de xullo, aproveita para presentar o primeiro recorte dos cadros de persoal dos centros de Educación Infantil e Primaria, como sempre aproveitando os períodos en que o profesorado non está nos centros para evitar a contestación ás regresións que está a aplicar ao ensino público. Cómpre considerar que este recorte afecta ao profesorado definitivo nos centros, a estes recortes sumaranse, posteriormente, os recortes na adxudicación de profesorado provisional, co que a cifra final de supresións de postos de traballo vaise incrementar aínda notabelmente. Por outro lado estamos a falar de centros de Infantil e Primaria, faltan aínda por confirmarse os recortes en Secundaria.
Como se pode comprobar no cadro anexo, estamos falando de que son 95 os centros de Educación Infantil e Primaria que van sufrir recortes de profesorado, deles 14 son escolas unitarias que desaparecen definitivamente. Os recortes propostos neste momento supoñen unha perda media do 15,43% do profesorado nos centros afectados sendo a maior incidencia na Provincia de Lugo que rexistra unha media de redución de profesorado por centro do 21,8%, seguida de Ourense cunha media do 15,9%, Pontevedra de 14,07% e A Coruña cunha media de 12,9 %. Os centros máis afectados son por exemplo: o CEIP San Ramón de Moeche, perde 3 dos 11 profesores que tiña (27,3%), o CEIP de Xermade que perde 3 de 10 (30%), O CPI Tomás Terrón de Carballeda de Valdeorras, o CPI Laureano Prieto na Gudiñae o CEIP Joaquina Gallego da Merca, que perden 3 dos 9 docentes de Primaria e Infantil cos que contaban, é dicir, un tercio.
En canto ao número de unidades, comprobamos que se suprimimen 32 unidades de Educación Infantil e 77 de Primaria, polo que o número total de unidades suprimidas ascende a 109. Os centros afectados perden unha media do16,1% das unidades, superando esta porcentaxe os centors de Lugo que chegan perder unha media de case o 20% das unidades. Cabe salientar que 16 dos 95 centros perden o 25% das unidades. Isto significa que as aulas van estar máis masificadas e que non se poderán atender as necesidades educativas que teñen como criterio fundamental para a súa aplicación a redución do número de alumnos por aula para potenciar a atención individualizada.
As reducións propostas para os centros afectados (dos que 14 son unitarias que desaparecen) suman unha perda de 161 postos de traballo. Mais, como dicimos este vai ser o primeiro recorte, que se verá incrementada no mes de setembro ao comprobarmos a redución na dotación de provisionais.
A situación en Secundaria:
Nos vindeiros días, presumibelmente contra o mes de agosto, recibiremos tamén novas das reducións en Secundaria. A día de hoxe a información que nos achegan os centros falan dunha redución dun promedio dun 10% do persoal dos centros nos que se están notificando, a través da inspección, a eliminación dos desdobres e agrupamentos específicos, o que impedirá a atención necesaria do alumnado con necesidades. Moitos centros, malia incrementar a 20 as horas lectivas do seu profesorado e masificar as aulas que teñen como mínimo 30 alumnos/as, cifra que se superará cos repetidores, non teñen profesorado suficiente para impartir todas as horas das diferentes materias se a Consellaría non atende as peticións de profesorado realizadas, como non está facendo.
A CIG-Ensino denuncia que esta Consellaría de Educación actúa con criterios exclusivamente económicos, reducindo o profesorado e os recursos en xeral do ensino público, mentres mantén os recursos á privada e alardea de que non incumpre a lei por subvencionar cinco centros relacionados co Opus Dei que segregan o alumnado por razón de xénero. A CIG-Ensino esixe que se retire esta proposta de modificación dos catálogos dos centros, e a negociación dos mesmos nas Xuntas de Persoal Docentes.
Tal e como se anunciou no seu día, o mes de setembro iniciarase con diversas mobilizacións contra a imposición da modificación da xornada de traballo e as reducións de postos de traballo que isto significa, feitos, ambos os dous, que repercuten negativamente na calidade do ensino.
Centros aos que se lles reduce o profesorado |
Unitarias que se suprimen |
Total |
Profesorado Suprimido |
%media de profes. Suprimido /centro |
Unidades de Infantil Suprimidas |
Unidades de Primaria suprimidas |
Total unidades suprimidas |
%media de unid. Suprimidas /centro |
|
A Coruña |
34 |
10 |
44 |
-64 |
12,9 |
-21 |
-28 |
-49 |
15,5 |
Lugo |
23 |
1 |
24 |
-46 |
21,8 |
-3 |
-23 |
-26 |
19,7 |
Ourense |
15 |
0 |
15 |
-32 |
15,9 |
-2 |
-16 |
-18 |
14,4 |
Pontevedra |
9 |
3 |
12 |
-19 |
14,07 |
-6 |
-10 |
-16 |
15,4 |
Galiza |
81 |
14 |
95 |
-161 |
15,43 |
-32 |
-77 |
-109 |
16,1 |