A Consellaría de Educación abre listas de interinidades para cátedras de conservatorios con cambios nos requisitos

A nova apertura de listas responde á incapacidade de cubrir as vacantes e baixas actuais e que foi denunciada pola CIG-Ensino

Desde hoxe, 18 de outubro e até o 24, está aberto o prazo para apuntarse nas listas de 22 especialidades do corpo de cátedras de música e artes escénicas que imparten docencia nos CMUS superiores de Vigo e A Coruña.

A situación existente nos centros superiores foi denunciada pola CIG-Ensino o pasado día 7 de outubro e xa naquel mesmo día se nos anunciou que a alternativa que tiña nas mans a Consellaría para evitar os problemas que tiñan para conseguir profesorado para estas listas era cambiar os requisitos, evitando que haxa que cumprir a obriga da acreditación da formación e capacidade de tutela nas investigacións propias das ensinanzas artísticas(doutoramento, mestrado, DEA, impartición de 4 anos nun CMUS superior e tutela dun TFE). Coa nova redacción o que era un requisito pasa a ser un mérito preferente e que non os cumpran poderán ser seleccionados se non existen candidatos que si os xustifiquen.

Por outro lado, tamén se modifica a relación de titulacións que se esixen para poder ingresar nas listas, unha rectificación da propia Consellaría logo de que por dúas ocasións se abriran listas para algunhas especialidades nas que mesmo non existía a titulación esixida no Estado.

A CIG-Ensino lamenta a demora da Consellaría en tomar estas decisións, o que ocasiona un prexuízo ás persoas que xa podían estar agora mesmo cunha interinidade ou substitución e ao propio alumnado dunha ensinanzas equivalentes a Grao e que aínda tardarán semanas en poder contar con profesorado. Neste momento hai 9 prazas pendentes de adxudicación para os dous CMUS superiores.

Tamén criticamos que non se puxera en común coas organizacións sindicais a proposta de titulacións requiridas, tanto nas ocasións anteriores como nesta, unha actuación unilateral que toma a administración amparándose no Acordo do Persoal Interino asinado por outras organizacións sindicais.

O prazo para inscribirse nas listas é de 5 cinco días hábiles a contar a partir de hoxe, 18 de outubro, con remate, por tanto, o xoves 24. Todas as persoas que cumpran cos requisitos da convocatoria poden anotarse nestas listas, tamén o profesorado interino que actualmente está noutras listas ou mesmo o funcionariado de carreira de calquera corpo. Neste último caso, o acceso a un posto de traballo nunha interinidade de cátedras implica solicitar a excedencia no corpo de procedencia, coa conseguinte perda do destino que se ocupase con carácter definitivo. No caso de chamamento para substitucións a Consellaría non acepta as renuncias de quen sexa funcionario de carreira xa que non cumpre co requisito de que o seu outro emprego sexa temporal. 

Toda a información da apertura de listas aquí.

Volver