A Consellaría dá resposta á demanda da CIG-Ensino e asegura a avaliación de riscos nos centros educativos e a distribución das máscaras

O escrito presentado polo secretario nacional da CIG-Ensino o día 8 de outubro denunciando o abandono na xestión da protección da saúde dos docentes galegos por parte da Consellaría de Educación dá os seus froitos

A semana pasada Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, remitiu un escrito dirixido ao conselleiro de educación, Román Rodríguez, sobre os incumprimentos en materia de prevención de riscos e de falta de máscaras nos centros educativos.

Desde a Consellaría de Educación puxéronse en contacto co sindicato para confirmar avances nas demandas que se fixeron dende o sindicato maioritario no ensino público.

A distribución das máscaras e o persoal exposto a un maior nivel de risco

A administración educativa confirma o retraso na entrega das máscaras prevista para comezo de setembro por un recurso dunha das empresas que se presentaron ao concurso para a distribución da compra centralizada de máscaras. Máis dun mes despois de comezar o curso, como denunciou o sindicato, aínda non se sabía nada desa compra central da Consellaría. Desde Educación afirman que está previsto que cheguen a todos os centros en breve, como máximo a finais de mes.

Segundo nos comunican, os centros educativos van a recibir nas próximas datas unha circular que indicará expresamente que se debe proporcionar máscara FFP2 a determinados colectivos, na liña da resolución da Inspección de Traballo (ITSS) froito  da denuncia da CIG-Ensino, que indicaba que a Consellaría debe proporcionar máscaras dun maior nivel de protección (FFP2) a aquel persoal exposto a un maior nivel de risco.  Desde a CIG demandamos que se cite expresamente o profesorado de diferentes especialidades que aparecen na resolución da ITSS. A administración quedou en revisar a petición do sindicato mais en todo caso indicou que os centros terán que mercar máscaras FFP2 para aquel profesorado que as precise, na liña da resolución da ITSS. Aínda que a CIG-Ensino preferiría que estas máscaras formasen parte da compra xeral da Xunta, desde a Consellaría indicaron que terán que ser compradas polos centros e haberá uns fondos específicos da Consellaría para pagalas despois, a maiores dos actuais. En todo caso, agardaremos a ver a circular informativa para confirmar toda esta información que nos proporcionan.

Avaliación de riscos dos centros educativos

A CIG-Ensino demandou a necesaria avaliación de riscos dos centros, obrigatoria máis alá da situación de pandemia, e que así se tiña esixido por parte do sindicato nas poucas reunións que se fixeron do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral (CISSL) e se formulou na denuncia perante a Inspección de Traballo.

A Consellaría de Educación informara de que procedería de inmediato á licitación dun concurso para a avaliación de riscos de todos os centros educativos. Porén, un mes despois de comezar o curso escolar e máis de tres meses despois de informar desa licitación non se tiña dado ningún tipo de avance e seguiamos sen ter comunicación nin concreción de ningún prazo ao respecto. Diante desta situación o sindicato viña de anunciarlle á Consellaría que promovería unha demanda xudicial por vulneración da normativa en materia de saúde laboral.

Na última información do departamento dirixido por Román Rodríguez que se lle transmite á CIG-Ensino confírmase que se vai a incluír nos orzamentos da Xunta de 2022 unha partida para a avaliación de riscos dos centros educativos. O plan sairá a concurso a principios do ano 2022 e será de aplicación plurianual. Calculan que se poida facer a avaliación de riscos aos aproximadamente 1100 centros entre 2 e 3 anos.

Interlocución e transparencia

A CIG-Ensino amosa a súa satisfacción polo resultado das súas demandas que, na súa maior parte, se vén cumpridas polas respostas de Educación, se ben cun retraso que consideramos excesivo. Con todo, desde o sindicato criticamos a falta de comunicación e transparencia en materia de prevención de riscos da Consellaría de Educación porque isto debería de ser posto en coñecemento con suficiente antelación ás centrais sindicais e aos centros educativos para evitar que se tiveran que presentar denuncias ou demandas xudiciais.

CIG

Desde o  sindicato maioritario do ensino público en Galiza anunciamos que  “diante dos logros conseguidos grazas ao traballo da CIG-Ensino anunciamos que a demanda polo social que o sindicato ía rexistrar por vulneración de dereitos en materia de saúde laboral non se presentará”, adianta Suso Bermello. O sindicato manterase vixilante, como sempre, para comprobar o cumprimento dos compromisos de Educación

 

A Consellaría dá resposta á demanda da CIG-Ensino e asegura a avaliación de riscos nos centros educativos e a distribución das máscaras

Documento


Volver