A Consellaría dá 24 horas aos centros para “opinar” sobre a oferta formativa de FP para o vindeiro curso

Despois da denuncia desta mañá da CIG-Ensino sobre a ausencia de información a menos de 3 meses do inicio do novo curso, a Dirección Xeral de FP remítelle unha proposta pechada aos centros nun claro exemplo de “despotismo patolóxico”.

Na proposta remitida aos centros parece existir unha tónica xeral, a de incrementar o número de prazas na modalidade a distancia, unha decisión que non é inocente. Por un lado é unha fórmula para “inflar” as cifras da oferta, dado que a matrícula nun ciclo a distancia soe ser de 50 mentres que nun ordinario ou modular é de entre 20 e 23. Isto vaille permitir á Consellaría seguir na liña estratéxica da propaganda, porque obviamente non é o mesmo incrementar 5.000 prazas ordinarias que nesta modalidade, mentres que o número de profesorado apenas vai aumentar. E, en segundo lugar, todo parece encaixar nunha estratexia a medio prazo de controlar estas ensinanzas a través do novo organismo, o Instituto Galego de Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta, que se prevé no anteproxecto de Lei que vén de aprobar a Xunta e que, con toda probabilidade, suporá unha importante redución de profesorado.

Desde a CIG-Ensino non pode cualificarse doutro xeito a política da Consellaría de Educación ao respecto da xestión da Formación Profesional en Galiza que de “despótica e autoritaria”, á vez que demostra unha falta de respecto absoluto polos verdadeiros axentes da súa aplicación: os centros e o profesorado. Despois da denuncia feita pública esta mañá polo sindicato de que a día 12 de xuño aínda non se coñecía a oferta formativa que se vai implantar o vindeiro curso, as direccións dos centros recibiron un correo electrónico onde se lles comunica oficialmente que ciclos e cursos de especialización van impartir a partir do 1 de setembro indicando literalmente que a decisión se tomou “despois da análise das propostas remitidas polos centros, dos informes da inspección educativa, das demandas do tecido produtivo e do alumnado e da información obtida no plan Conecta FP”. Pois ben, como os propios centros e o profesorado saben, isto non é certo, porque nas propostas que se remiten aparecen en moitos casos oferta que non se pediu, mentres que outra que si se pediu non aparece e ademais hai unha tónica xeral, polo que puido saber a CIG-Ensino despois de que se puxeran en contacto co sindicato varios centros afectados, increméntase ostensibelmente a oferta a distancia, incluso substituíndo ciclos que se viñan impartindo en modular por esta modalidade. 

A gravidade na forma de actuar da Consellaría é tal que lle dá aos centros só 24 horas, até mañá ás 14 horas, para comunicar calquera incidencia que poidan ter á hora de ofertar a proposta -en realidade xa pechada- que lles pasan. É dicir, de novo amósase cero interese por coñecer realmente cales son as verdadeiras necesidades dos centros e a opinión do profesorado afectado. 

Estratexia para inflar as cifras totais da oferta. Máis propaganda a costa da FP

A CIG-Ensino quere alertar ademais de que o feito de que se incremente considerabelmente a oferta da FP a distancia non é inocente. O incremento global de prazas, que seguramente será o que "venderá" o presidente Rueda ou o conselleiro nos próximos días, non é o mesmo que sexan na oferta a distancia que na ordinaria ou na modalidade modular, ambas as dúas presenciais. No primeiro caso normalmente o número de persoas que se poden matricular por ciclo é de 50, mentres que nas outras dúas, dependendo do ciclo ou curso de especialización oscila entre 20 e 25 alumnos e alumnas. Así pois, o incremento na cifra das prazas totais non vai ir acompañado dun incremento proporcional no número de ciclos e de cursos de especialización que se implantarán de novo. 

O fomento da FP a distancia e dual implicará a perda de postos de traballo docentes 

A falta de coñecerse polo miúdo como queda a oferta global do vindeiro curso, tanto polas informacións xornalísticas como pola que tivo acceso hoxe a CIG-Ensino por parte dos centros, está claro que ao substituírse a oferta modular presencial pola modalidade a distancia o vindeiro curso sobrará profesorado nalgún centro e incrementarase a ratio alumnado/docente. O mesmo acontece coa potenciación da modalidade dual, sobre todo a intensiva onde o alumnado pode estar ata o 50% da totalidade das horas do ciclo nunha empresa. Así mesmo, varios centros alertaron á CIG-Ensino de que oferta que non se lles concedeu si se vai ofertar en centros privados e concertados. 

Por outra banda, para o sindicato resulta moi preocupante esta estratexia porque encaixa co que leva sospeitando desde o momento en que se coñeceu o anteproxecto de Lei de aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta. Trátase da primeira norma que pretende aprobar o goberno galego en materia de educación, no ámbito non universitario, desde que o PP chegou á Xunta no ano 2009 e que ten como obxectivo coordinar todas as ensinanzas para persoas adultas nun novo organismo creado para tal fin (o IGALVA), o que na práctica suporá centralizar as ensinanzas que actualmente se imparten en moitos centros espallados por todo o país. Tal e como se pode constatar neste anteproxecto de lei -que xa rematou a súa tramitación administrativa e vai ser remitido ao Parlamento- no seu artigo 5, a norma réxese polo seguinte principio: “velar pola pertinencia da formación para o mercado laboral, adaptada ás necesidades do tecido produtivo, aumentar o atractivo da Formación Profesional para estudantes e empresas, potenciar a aprendizaxe no traballo e ampliar a colaboración entre institucións educativas e o mundo laboral. 

Así, aínda que nun principio puidera parecer que as ensinanzas de FP non estaban dentro dos principais obxectivos dunha lei que vén a substituír a outra do ano 92 centrada sobre todo nas ensinanzas básicas, así como na ESA e no bacharelato de adultos, tanto nos artigos 8 coma 9 destácase a Formación Profesional a distancia como ámbito proioritario da mesma. Tal e como se pode ver no articulado deste proxecto normativo e como denunciou a CIG-Ensino, sen obter polo de agora ningunha resposta contundente que desminta esta afirmación por parte da Consellaría, isto vai significar a medio prazo unha diminución importante do profesorado que imparte estas ensinanzas. Tan só hai que comparar o número de profesorado (23) que imparte ensinanzas exclusivamente online de ESA e Bacharelato de adultos para unha matrícula de 2.030 alumnos e alumnas no IES San Clemente co claustro da EPAPU Río Lérez (28) que as imparte en réxime presencial ou semipresencial para a metade de matrícula, 1062. 

A CIG-Ensino anima aos centros a que poñan de manifesto o seu descontento coas formas despóticas de actuar da Consellaría e que fagan valer realmente as súas necesidades formativas, dado que son os mellores coñecedores da realidade sociolaboral das familias profesionais que imparten.

Volver