A Consellaría comunica mediante chamadas telefónicas as numerosas supresións do profesorado nos centros educativos

Confírmase a denuncia da CIG Ensino das abundantes supresións coas que nos imos atopar antes de comezar o curso que vén

Esta política neoliberal aplicada ao ensino terá cumprida resposta nas mobilizacións ás que está convocado o profesorado no vindeiro inicio de curso, que sen dúbida, mostrarán o rexeitamento da comunidade educativa a estas e outras medidas que se foron adoptando polo goberno da Xunta nos últimos tempos. Lembremos que o día 9 de setembro está convocada unha nova manifestación en Santiago, o día 20 un paro de medida hora nos centros educativos, e os días 21 e 27 de setembro as dúas primeiras xornadas de folga.

Tal e como a CIG Ensino ten adiantado, a rotura do acordo da xornada laboral do profesorado galego, non trae maior calidade educativa, senón un gran recorte de profesorado nos centros educativos, e non é difícil facer a conta que a menor profesorado a atención ao alumnado vai descender, sobre todo nos casos de atención a diversidade.

Alén do prexuízo que se causa ao profesorado, deixaranse de atender moitas necesidades dos centros, masificaranse as aulas, non se propiciarán os grupos de diversificación necesarios, non se poderán atender debidamente as necesidades educativas específicas, o profesorado verase na necesidade de impartir materias afíns das que non é especialista, e moito profesorado interino perderá o seu posto de traballo co inicio do vindeiro curso.

Confírmase o desleixo que ten a Consellaría co profesorado e os seus dereitos, e a manipulación que fai da información ao divulgar que o pretendido aumento do horario lectivo do profesorado servirá para mellorar a calidade, cando o fin da medida non é outra que suprimir postos de traballo de funcionarios, que terán que recolocar en destinos provisionais, destinos que os afectados non coñecerán até poucos días antes do comezo do curso.

A Consellería de Educación está comunicando mediante chamada telefónica as prazas que van ser suprimidas, esta chamada ás veces é ao equipo directivo, e outras á persoa que vai ser suprimida. Esta comunicación é totalmente irregular posto que a persoa que recibe a chamada non ten constancia ningunha de que esta supresión sexa efectiva, só sabe que ten que “concursar” na busca dun novo destino, pero sen ter documentación algunha que  lle abale.

Mente o Conselleiro cando asegura que o profesorado interino e substituto terá unha praza no próximo curso, posto que ben sabe, que os destinos provisionais nos que se recoloca aos funcionarios, serán prazas que estaban cubertas este curso por profesorado en expectativa de destino e interino. E é este profesorado o que sufrirá o efecto dominó das supresións, que son perda de postos de traballo, só poderá ser, en certa forma, mitigadas, polo número de xubilacións non cubertas pola administración.

A modo de exemplo a Consellería de Educación xa ten anunciada a supresión 18 unidades (aulas) en Ourense o que comporta a supresión de 24 postos de traballo.

Esta política neoliberal aplicada ao ensino terá cumprida resposta nas mobilizacións ás que está convocado o profesorado no vindeiro inicio de curso, que sen dúbida, mostrarán o rexeitamento da comunidade educativa a estas e outras medidas que se foron adoptando polo goberno da Xunta nos últimos tempos. Lembremos que o día 9 de setembro está convocada unha nova manifestación en Santiago, o día 20 un paro de medida hora nos centros educativos, e os días 21 e 27 de setembro as dúas primeiras xornadas de folga.

Volver