A Consellaría comeza unha nova privatización coa certificación do coñecemento do inglés

Anuncia tres exames de certificación que levarán a cabo empresas privadas.

Desde a CIG Ensino denunciamos esta enésima privatización e reclamamos que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas.

A Consellaría de Educación continúa coa privatización do ensino galego e nesta ocasión tócalle a un dos seus xoguetes preferidos: a lingua inglesa.

Até o de agora o profesorado galego tiña ao seu dispor as Escolas Oficiais de Idiomas (EOIs) para certificar os coñecementos de inglés. Porén, a administración anuncia que este ano serán empresas privadas as que leven a cabo esta certificación, iso si, usando o persoal do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para a súa xestión, o que xa roza o esperpento.

Fóra do que supón a privatización cómpre destacar que esta certificación non cumpre cun mínimo de calidade, xa que só avalía as competencias orais, mentres que nas probas das EOIs certifícase o nivel de xeito global, nas súas catro destrezas comunicativas: falar, escoitar, ler e escribir.

A formación do profesorado non pode ser unha forma de financiar empresas privadas, máis aínda cando as EOIs teñen entre as súas funcións expresas levar a cabo esta formación, tal e como se pode ler no Decreto 189/2010, do 11 de novembro, polo que se establece o Regulamento Orgánico das Escolas Oficiais de Idiomas da Comunidade Autónoma de Galiza.

Desde a CIG Ensino denunciamos esta enésima privatización e reclamamos que sexan as EOIs as entidades que formen e certifiquen os coñecementos do profesorado galego en todas as linguas, sen concentrar os esforzos só no inglés.

A Consellaría comeza unha nova privatización coa certificación do coñecemento do inglés

Documento


Volver