A Consellaría cambia a data de cese do profesorado interino de secundaria para o 31 de agosto de 2022

O cambio, segundo informan desde a Administración, responde á intención de Educación de que as tomas de posesión a partir do curso 22/23 sexan con efectos do 1 de setembro como xa acontece no corpo de mestres.

O profesorado interino que vén de obter unha praza na adxudicación de destinos provisionais nos diferentes corpos de secundaria e toma posesión no día de hoxe vai ter unha data de cese diferente e previa á que viña sendo habitual. Se até este curso esa data era, con lixeiras variacións, a mediados de setembro e sempre coincidindo co inicio das actividades lectivas en secundaria, bacharelato e ensinanzas de réxime especial, neste curso 2021/22 a data de cese vai ser con efectos do 31 de agosto.

A Subdirección Xeral de Centros, en resposta a unha consulta da CIG-Ensino sobre este cambio, vén de confirmar que se debe á intención de mudar as datas de adxudicación de destinos para todos os corpos docentes dependentes do servizo de secundaria, igualando as datas ao corpo de mestres e fixando a toma de posesión para o curso 22/23 no día 1 de setembro.

Desde a CIG-Ensino trasladámoslle á Consellaría que ese cambio debe vir acompañado nunha mellora da xestión das vacantes para o CADP para que non se produza un incremento das xa habituais “incidencias” nas prazas que se adxudican, algo que desde a CIG-Ensino vimos denunciando recorrentemente. O cambio, por tanto, non pode implicar un aumento de interinidades que se teñen que ofertar a posteriori de ter feita a adxudicación informática, co conseguinte prexuízo para quen está en postos superiores nas listas de contratación.

CIG
En todo caso, e á espera de que a Consellaría presente formalmente a proposta para modificar as datas de adxudicación do CADP, a CIG-Ensino demandou o compromiso de Educación a que, de se producir calquera problema que implicase un retraso na toma de posesión a 1 de setembro, a administración prolongase os nomeamentos até a data efectiva de toma de posesión, evitando calquera baleiro de contratación e cotización, algo ao que se comprometeu a Subdirección Xeral.

Volver