A Consellaría atende maioritariamente as peticións de vacantes da CIG Ensino

Enrócase porén en manter vacantes en especialidades nas que non existen funcionarias de carreira en Galiza

En reunión da comisión técnica de vacantes mantida hoxe, 14 de febreiro, na Consellaría modificáronse 52 prazas dando un saldo positivo de 30 novas prazas para o Concurso Xeral de Traslados, podes ver o documento presentado pola Consellaría na seguinte ligazón.

A Consellaría tivo en conta de forma masiva o traballo feito pola afiliación, delegadas e liberadas da CIG Ensino, xa que nesta terceira reunión da comisión técnica foron atendidas máis dun 60% das nosas peticións.

Peticións que maioritariamente eran de novas prazas, pero tamén atendeu modificacións de especialidades e eliminacións de perfís lingüísticos, así como algún erro de prazas que non existían.

Neste novo documento vese un resultado positivo de 30 novas prazas para o Concurso Xeral de Traslados.

Publicamos tamén o documento coa foto final da negociación.

Prazas de chinés, árabe e xaponés.

No que a Consellaría mostrou moi pouca ou ningunha cintura foi no caso das prazas ofertadas, por erro das xefaturas territoriais, en especialidades nas que non hai funcionariado de carreira en Galiza, co cal se alguén de fóra de Galiza logra esta praza funcionariado interino galego quedaría sen traballo.

Mención á parte merece o Inspector Xefe de A Coruña que recoñeceu na reunión da Xunta de Persoal que descoñecía que non existise funcionariado de carreira galego nesas prazas. 

Esta situación é ademais máis grave se temos en conta que noutras especialidades doutros corpos docentes non se fixo o mesmo, respectando o criterio que defende a CIG-Ensino, que non é máis que o reclama o profesorado interino afectado: que nas especialidades nas que non hai funcionariado de carreira con destino en Galiza non se oferten prazas no CXT mentres non se convoquen oposicións, xa que o contrario provoca unha clara indefensión para este profesorado interino, que non pode opositar -nalgúns casos desde hai 20 anos- mentres que asiste á posibilidade de que funcionariado destinado fóra poda acceder ás prazas que ocupan. 

A Consellaría tampouco acepta revisar as prazas das seccións das escolas oficiais de idiomas con problemas nalgunhas delas polos nomeamentos das xefaturas de estudos.

Volver