A Consellaría atende a demanda da CIG-Ensino para que os e as especialistas de Orientación de Secundaria non impartan docencia

En resposta á solicitude do sindicato a Consellaría indica expresamente que "en Galiza non existe posibilidade horaria para que o profesorado de Orientación imparta a materia de Formación e Orientación Profesional e Persoal".

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa remitiu hoxe por escrito unha resposta á demanda da CIG-Ensino ao respecto de que o persoal especialista de Orientación en Galiza non tivera que impartir a materia de opción de 4º da ESO, Formación e Orientación Persoal e Profesional, despois de que o Real Decreto 286/2023 polo que se regula a asignación de materias na ESO e no Bacharelato ás especialidades dos distintos corpos docentes abrira esta posibilidade. En concordancia co que solicitaba o sindicato, a Consellaría coincide en que as funcións que están estabelecidas na normativa para os orientadores e orientadoras ocupan todo o seu horario lectivo "polo que non se pode contemplar que exista un horario dispoñíbel na súa xornada de traballo para poder impartir ningunha materia e as funcións que leva isto asociado".

A CIG-Ensino congratúlase de que a Consellaría de Educación coincida coa demanda que vimos de trasladarlle o pasado 30 de maio nun escrito á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa ao respecto de que o profesorado da especialidade de Orientación que traballa en centros que imparten secundaria non teña que impartir docencia da materia de Formación e Orientación Persoal e Profesional. Unha opción que se abriu a partir da publicación do RD 286/2023 no que, no seu artigo 2.4, establece que estes e estas profesionais poderán impartir docencia conforme ao previsto no anexo I no que, á súa vez, se estipula que a orde de prelación para impartir esta materia será primeiro o profesorado especialista en Economía, segundo o de Formación e Orientación Laboral e terceiro o de Organización e Xestión Comercial. 

Na resposta da Consellaría insístese en que este vai ser o único criterio que se seguirá á hora de asignar a impartición desta materia, alén doutras circunstancias como pode ser a súa atribución como afín, pero que en ningún caso lle corresponderá ao persoal especialista en Orientación esta tarefa. No escrito indícase literalmente que o motivo para tomar esta decisión é que no Decreto 120/1998 polo que se regula a orientación educativa e profesional en Galiza as funcións destes e destas profesionais "deben ser desempeñadas en todo o seu horario lectivo polo que non pode existir outro horario na súa xornada de traballo para a impartición de clases e as funcións asociadas a esta actividade".

Volver