A Consellaría atende a demanda da CIG-Ensino e prorrogará os nomeamentos do profesorado substituto das EOI para as probas libres

O sindicato remitira un escrito ao conselleiro de Educación denunciando a intención de contar con persoal que cesaba neste mes de xuño para a avaliación das probas libres

A Consellaría vén de ampliar os nomeamentos do profesorado substituto que remataba contrato neste mes de xuño e que voluntariamente aceptou formar parte dos grupos de traballo para a elaboración e avaliación das probas libres de Galego e Inglés nas EOI.

A rectificación da administración prodúcese logo dun escrito da CIG-Ensino no que se advertía da ilegalidade na que incorrería a Consellaría se permitía que profesorado sen contrato puidese desempeñar calquera tipo de actividade nun centro docente. Neste sentido, o sindicato lembraba na súa demanda o papel xogado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística na fraude cometida co persoal docente dos CELGA, traballando sen contrato nin cotización á Seguridade Social e que levou ao sindicato a unha denuncia na Inspección de Traballo que rematou cunha sentenza do TSXG que obrigou á alta retroactiva de cotizacións e a declaración de persoal laboral indefinido non fixo das persoas afectadas. A CIG-Ensino advertía no seu escrito que presentaría denuncia na Inspección de Traballo no caso de ter constancia de que non se cumpría coa obrigas legais da normativa laboral. Finalmente os nomeamentos se estenderán até o 13 de xullo.  

Con independencia desta necesaria rectificación, a CIG-Ensino lembra que  o sindicato amosou o seu desacordo coa decisión adoptada de manter as probas no mes de xullo en contra da normativa que limita ao 30 de xuño as actividades lectivas, entre as que se atopan as probas libres como calquera outro exame. Estas probas podían terse feito, seguindo a opinión expresada por varias EOI, no mes de setembro, coincidindo coa avaliación extraordinaria. O sindicato insta á Consellaría a non reiterar en próximos cursos esta decisión e facer as probas dentro do calendario escolar oficial.

Volver