A Consellaría anuncia as especialidades nas que ten previsto convocar oferta de emprego sen previa negociación

A CIG-Ensino esixe de novo a convocatoria urxente da Mesa Sectorial para negociar o número de prazas de cada unha das especialidades e o seu montante total

A Consellaría de Educación vén de anunciar, sen previa negociación, as especialidades nas que ten previsto convocar oposicións. “Máis una vez a Consellaría de Educación amosa a desconsideración e o desprezo máis absoluto co profesorado que vén sendo a pauta de actuación desta Consellaría de Educación”, sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino .

A CIG-Ensino, xa no mes de decembro, e con posterioridade, en repetidas ocasións, se dirixiu á Consellería esixindo a convocatoria da Mesa Sectorial para fixar tanto as especialidades como o número de prazas a ofertar nas oposicións. A Mesa Sectorial non só non foi convocada senón que a única información que temos é a colgada hoxe na web da Consellaría de Educación e remitida aos medios de comunicación. 

A CIG-Ensino esixe de novo a convocatoria urxente da Mesa Sectorial para negociar o número de prazas de cada unha das especialidades e o seu montante total. Reclamará  unha oferta ampla de emprego que dea resposta satisfactoria ás necesidades que teñen os centros e que restitúa os recortes que se levaron a cabo desde o ano 2010. Isto supón que a oferta de emprego ten que superar a taxa de reposición, xa que nos últimos anos, desde o 2010, recortáronse  ao redor de 3.000 docentes.

As especialidades que a Consellaría de Educación ten anunciado na súa web para convocar oposición son :

Profesorado do corpo de mestres: Educación Infantil, Educación Primaria Lingua Estranxeira Inglés, Lingua Estranxeira Francés, Educación Física, Música, Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe. 

Profesorado de Secundaria: Lingua e Literatura Galega, Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Educación Física, Análise e Química Industrial, Asesoría e Imaxe Persoal, Hostalería e Turismo e na de Organización e proxectos de fabricación mecánica.

Profesorado Técnico de Formación Profesional: Cociña e pastelería, Equipos electrónicos, Laboratorio, Mantemento de vehículos e Sistema e aplicacións informáticas.

Escrito presentado o 1 de decembro de 2016

Escrito presentado o 26 de xaneiro de 2017

Volver