A Consellaría acomete a supresión de 89 prazas e 60 unidades de infantil e primaria nun dos maiores recortes dos últimos anos

Como todos os cursos a falta de transparencia impide coñecer a diminución de docentes noutras etapas, fundamentalmente Secundaria e Bacharelato

Como todos os cursos a falta de transparencia impide coñecer a diminución de docentes noutras etapas, fundamentalmente Secundaria e Bacharelato.

A venres 18 de agosto, en pleno verán, segundo é costume por parte do goberno do Partido Popular, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo.

Este ano, logo dun estudo rápido feito pola CIG-Ensino sobre a ORDE do 31 de xullo de 2023 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de educación infantil, educación primaria e educación especial publicada hoxe, venres, 18 de agosto atopámonos con que a Consellaría suprime:

  • 60 unidades de educación infantil e primaria, que se traducen nun recorte de 89 prazas de infantil e primaria, concretamente 38 de infantil e 51 de educación primaria, incluídas nestas, sete en distintos centros de educación especial.

Estes recortes xa foron advertidos pola CIG-Ensino o 20 de xullo, e a administración no lugar de tomar nota das peticións da comunidade educativa de cara a non levar a cabo as supresións e aproveitar a baixada da natalidade para diminuír as ratios profesorado/alumnado segue adiante e incluso presume destas cifras, aínda que para iso teña que retorcer as matemáticas até límites obscenos.

Un ano máis a Consellaría perde unha grande oportunidade para comezar cunha baixada das ratios que permitiría ao profesorado aumentar a calidade do ensino. Desde a CIG-Ensino seguiremos a reclamar da administración galega que aproveite a baixada da poboación en idade escolar para rebaixar as ratios e recuperar o horario lectivo do profesorado a 18 horas en secundaria e 21 horas en primaria, dado que só queda Galiza con Madrid cos recortes impostos por Feijóo e Rajoy nos anos 2011 e 2012.  

En definitiva, a Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ao alumnado con necesidades específicas e que vai redundar na masificación das aulas nos centros das cidades e das vilas debido ao mantemento das ratios e á imposibilidade de realizar desdobres.

Imposición, non negociación

E todos estes recortes sen a máis mínima negociación, seguindo a tendencia que os cargos políticos do PP en Educación: imposición e non negociación.

O goberno do Partido Popular en Galiza, con Rueda á cabeza, segue sendo o campión dos recortes, e de non darse un cambio de rumbo inmediato no que se rectifiquen todas estas decisións, o próximo curso avecíñase conflitivo porque a comunidade educativa e o profesorado xa advertiron na mobilización de fin de curso que non pode seguir soportando esta situación un minuto máis.

Volver