A comunidade educativa rexeita os recortes da Xunta e pide garantir un ensino público de calidade

Esta mañá leváronse a cabo mobilizacións conxuntas por parte de profesorado, familias e alumnado tanto nos centros educativos como fronte á Consellaría de Educación

Despois dos recortes confirmados polos propios datos da Consellaría (717 docentes menos con adxudicación de destino provisional este curso e tras unha perda de 869 xa confirmada oficialmente no curso que vén de rematar ao respecto do anterior anterior); o continuo peche de aulas (59 este verán) de infantil e primaria, sobre todo no rural; a redución de persoal de apoio en infantil e de especialistas para atender á diversidade; o incremento de itinerancias e de impartición de materias que non son as da propia especialidade; o recorte de oferta nas ensinanzas de secundaria e bacharelato; o incremento das aulas masificadas sobre todo nos ámbitos urbanos e periurbanos e a alza da carestía da vida que azouta as economías familiares e os servizos educativos, miles de persoas amosaron hoxe o seu malestar en toda Galiza coa política da Consellaría e esixiron un cambio de rumbo inmediato e a contratación do persoal necesario para atender as necesidades educativas dos centros.

Clamor contra os recortes no ensino

Tras a convocatoria da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte a CIG-Ensino, a comunidade educativa respondeu hoxe en toda Galiza con concentracións tanto nos centros educativos, como en distintos lugares dos concellos máis afectados, como na concentración central que tivo lugar en San Caetano diante do edificio administrativo da Consellaría de Educación. Sobraban os motivos, como estes días veu denunciando o sindicato maioritario no ensino público galego, para plantarlle cara a unha administración que goberna absolutamente de costas á realidade educativa dos centros e do seu persoal. Se a finais do curso pasado as protestas viñan pola fartura do profesorado ante a burocracia inútil que teñen que afrontar no seu día a día, este comezo de curso “pospandémico” como o denominou o conselleiro, efectivamente volveuse á rutina anterior á aparición da Covid-19 de recortes de persoal e peche de aulas e centros e cun nivel de abandono e improvisación por parte da administración aínda maior que en cursos anteriores.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, volveu lembrar que este curso é o segundo, despois dos recortes producidos no anterior, con maior redución de prazas desde que hai 13 anos asumiu o PP a xestión da política educativa da Xunta. Malia que o conselleiro non se cansou de repetir estes días que a cifra de profesorado se mantén estábel, os datos que o seu propio departamento publica, aínda que de forma escurantista, non deixan lugar a dúbidas. O ano pasado, segundo datos oficiais, houbo 869 docentes menos con respecto ao primeiro curso da pandemia e este, a falta de que a Consellaría facilite as estatísticas oficiais a evidencia é que a tendencia dos recortes non cesa. Segundo a publicación dos destinos de carácter provisional, este curso hai 717 docentes menos nesta adxudicación. A redución é moi drástica sobre todo nas etapas de educación infantil e primaria, que arrastran unha perda do 10% de efectivos desde a chegada de Feijóo ao poder, mentres que o persoal que traballa no ensino concertado incrementouse no seu conxunto neste mesmo período en preto dun 6%.

 Así mesmo, tamén empeoraron considerabelmente as condicións de traballo docentes, pasando de que Galiza fora unha das comunidades que tiña menor horario lectivo a ser practicamente a única que non recuperou ou pactou a recuperación da situación previa aos recortes do goberno Rajoy e que xa aplicara un ano antes Feijóo en Galiza. Neste sentido, o profesorado galego é practicamente o único do Estado que segue tendo 25 períodos lectivos en infantil e primaria e 20 en secundaria, o que leva a que moitas veces, sobre todo nesta última etapa, teña que impartir materias que non son da súa especialidade ou que se vexa abocado a compartir centros.

A baixada de ratios, a demanda unánime de toda a comunidade educativa

Hai sen dúbida unha reivindicación que une a todo o conxunto do sistema educativo, familias, alumnado e profesorado: a redución das ratios; unha medida que durante a pandemia se aplicou, forzada pola presión social e non por propia vontade da Consellaría, e que tivo como resultado, sobre todo ao recuperar a presencialidade do ensino, un incremento notábel da súa calidade, unha mellor atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e uns mellores resultados académicos.

 

Caos organizativo e abandono ante a dura situación que viven as familias e o alumnado

A menos dun día do comezo de curso, equipos directivos e profesorado apuran todo o posíbel para poñer a punto toda a engrenaxe necesaria para recibir o alumnado nas aulas. O adianto do inicio de curso e a non publicación da adaptación dos currículos dos cursos nos que entra en vigor a LOMLOE este ano, por unha mera disputa política co goberno de Madrid por parte do PP, está levando a que o profesorado non poida avanzar na elaboración das programacións, que ademais este ano teñen que realizarse mediante unha aplicación informática que xa ten dado múltiples erros durante estes primeiros días de setembro. Igualmente, este adianto, precipitado sobre todo nas etapas educativas superiores, vai supoñer que mañá comece o curso sen cubrir todas as baixas e vacantes docentes que sempre se producen a comezos de curso (por permisos de maternidade/paternidade, situacións de incapacidade temporal, excedencias...)

A este “caos organizativo”, como o cualificaron sobre todo os responsábeis da CIG-Ensino e ANPAS Galegas durante a concentración en San Caetano únense as dificultades económicas que están a atravesar moitas familias nestes intres e que afrontan un inicio de curso cos prezos máis altos da historia. Non hai neste sentido ningunha axuda concreta por parte do departamento de Educación para o alumnado máis desfavorecido e tampouco para afrontar aqueles servicios complementarios que son esenciais, como os comedores escolares. Igualmente tampouco se sabe que vai acontecer cos gastos ordinarios dos centros que se van ver incrementados pola suba dos prezos do combustible para facer fronte por exemplo ás necesidades de calefacción durante o inverno.

 

Volver