A Comisión Promotora da ILP en defensa do profesorado e do ensino público entrega na Xunta Electoral de Galiza 22.918 sinaturas

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, constatou a gran acollida que tivo a ILP entre o profesorado e agradeceu o seu apoio

Unha representación da Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para restituír os dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza entregou na mañá deste luns 1 de decembro no Parlamento as 22.918 sinaturas de apoio recollidas, a maioría entre docentes, e das que o censo electoral validou un total de 21.589. O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, agradeceu a boa acollida que a ILP tivo entre o profesorado “que asumiu como propia” e avaliou positivamente a campaña de recollida para a que a CIG-Ensino fixo máis de 1.000 asembleas no centros de ensino público durante o primeiro trimestre do curso.

“Esta ILP quere trasladar ao Parlamento a voz do profesorado e está centrada –explicou Anxo Louzao-   en restituír os dereitos laborais, salariais e profesionais arrebatados polo Partido Popular durante estes anos. Condensa e recolle unha serie de propostas e medidas para crear emprego e pór en valor o ensino público como único garante da igualdade de oportunidades”, dixo.

A ILP inclúe cinco títulos e 19 artigos ademais de dúas disposicións derrogatorias de normas lesivas para o ensino público e para os dereitos do profesorado. Os eixos fundamentais que recolle a ILP que promove a CIG-Ensino son o seguintes:   

  • Elaboración por parte do Goberno galego dunha lei de educación, en función das nosas necesidades e intereses e de acordo coa nosa realidade; que garanta a escolarización gratuíta de 0 a 18 anos e que blinde o ensino como un elemento de cohesión fundamental. Derrogación da LOMCE, procura dun ensino laico e eliminación dos concertos educativos,  nomeadamente os que segregan alumnado por razón de xénero, 
  • Restitución dos dereitos laborais e profesionais do profesorado, a través do recoñecemento do seu traballo. Recuperación dos salarios e pagas extras completas,  creación de emprego –suprimindo a taxa de reposición-  redución do horario lectivo,  dereito á formación permanente e  á xubilación anticipada, e un sistema de eleccións sindicais por centro escolar.
  • A defensa do ensino público como garante da igualdade de oportunidades, con medidas concretas que supoñan a mellora da calidade como a  redución das ratios, dotación aos centros de profesorado suficiente, un plan para reducir o fracaso escolar, substitución das baixas  de profesorado ou gratuidade dos libros de texto, entre outras.
  • A recuperación dos servizos complementarios e as actividades extraescolares: dereito ao comedor escolar, oferta de actividades extraescolares e unha nova lei do transporte escolar para garantir este dereito en todos os niveis educativos, con dotación de persoal para custodiar o alumnado.
  • Galeguización do ensino e normalización lingüística a través do fomento da lingua galega e galeguización dos contidos educativos, un plan de formación e medidas para garantir a competencia do profesorado na nosa lingua. Isto implica necesariamente a derrogación do Decreto do Plurilingüismo, “que veta –denunciou Louzao- que as Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Química se poidan impartir na nosa lingua”. 
  • Un plan orzamentario co obxecto de dedicar o 7% do PIB galego á educación.

A Comisión Promotora ten previsto manter agora reunións cos grupos parlamentarios para presentarlles o contido da ILP. “Existe a posibilidade de que o  PP pase o pisón –explicaba  Anxo Louzao- aínda así, o compromiso que manifesten o resto das forzas políticas coa ILP poderá sentar as bases para a aprobación, si se produce un cambio de goberno, dunha nova lei para o sistema educativo galego”.

Volver