A coeducación e un ensino en chave feminista centraron as XVI Xornadas das Mulleres da CIG-Ensino e a AS-PG

O sindicato presentou os resultados da consulta que trasladou aos centros educativos no que se constata que é o voluntarismo dalgúns equipos docentes o que substitúe o desinterese da administración educativa.

Durante toda a xornada do sábado 23 de febreiro perto dun cento de docentes participaron nas Xornadas das Mulleres, que alcanzan xa a décimo sexta edición, organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Psicopedagóxica Galega (AS-PG). As xornadas foron o marco de presentación do libro Coeducación. O alicerce do ensino” editado por ambas entidades, sindical e pedagóxica, e que foi distribuído por todos os centros do país nos últimos meses. En paralelo, a secretaria das mulleres da CIG-Ensino, María Rodríguez, deu conta dos resultados da enquisa sobre coeducación e igualdade que acompañou a divulgación deste material impreso e que son claramente demoledores, amosando que é moi reducido o número de centros que conta arestora cun Plan de Igualdade e con redución horaria para a persoa que se encarga de coordinar todos os traballos e practicamente ningún conta con orzamento propio, o que evidencia que a coeducación e a igualdade nos centros galegos depende en exclusiva do traballo das mestras e profesoras implicadas e que afrontan con voluntarismo o abandono da administración. Xa non só falamos da inexistencia de descontos horarios, que sería o normal, senón de sobrecarga con máis horas de traballo.

Nos resultados da consulta as principais demandas do profesorado foron a necesidade de promover unha formación específica dirixida a todo o profesorado e que non se limite ao curso on line que creou a Consellaría e que non dá resposta as carencias que a día de hoxe temos como docentes para afrontar un ensino autenticamente coeducativo e o fomento de plans de igualdade nos centros. Tamén se salienta a demanda de reducións horarias ou contar con orzamentos propios que non fiquen supeditados á obtención dalgún Plan proxecta ou Contrato Programa.

Unhas xornadas cheas de contidos e experiencias 

Os traballos estiveron centrados tanto no marco teórico, con chaves para entender o feminicidio como a violencia exercida contra as mulleres polo feito de seren mulleres ou en fornecer recursos no ámbito da literatura infantil e xuvenil para traballarmos nas aulas. Tamén serviron estas xornadas para falarmos do machismo como un elemento fundamental do patriarcado que está presente en todos os ámbitos da sociedade, mesmo naqueles ámbitos, como o mundo da cultura nos que, erroneamente, poderiamos pensar que non existe ou ten unha menor incidencia. 

O ensino, como campo de presenza do machismo, tamén centrou a atención destas xornadas, cunha ollada sobre o tratamento e a imaxe da muller nos materiais escolares. 

Tamén tiveron un papel destacado as experiencias docentes que se presentaron nas xornadas, como “A igualdade sabe a sal” do IES Ricardo Mella de Vigo ou o “Planeta Igualdade” do CPI Viaño Pequeno de Trazo, rematando as xornadas coa proxección do documental “Tecido resistente” sobre a revolución silenciosa das mulleres de Présaras.

Queres dar a coñecer a túa experiencia coeducativa?

É fundamental que o traballo que realizamos nos centros non fique dentro dos seus muros, que o difundamos e o deamos a coñecer. Se queres que a túa experiencia se coñeza non tes máis que enviar a documentación ou información que consideres a formacion@cig-ensino.gal.

Queres facerte cun exemplar co libro Coeducación. O Alicerce do ensino? 

Sodes moitas as persoas que vos tedes dirixido á CIG-Ensino solicitando un exemplar do libro distribuído nos centros educativos. Por tal motivo vimos de facer unha segunda impresión que está á vosa disposición nos locais da CIG-Ensino. En todo caso, podes acceder ao libro en formato PDF na seguinte ligazón.

Volver