A clase traballadora galega tomou as rúas o 1º de Maio para rexeitar a Unión Europea da explotación e da pobreza

O secretario xeral da CIG, que estivo na marcha de Vigo, incidiu na necesidade de conquistar un novo modelo económico e social xusto e solidario

Milleiros e milleiros de persoas botáronse ás rúas de Galiza convocadas pola CIG para conmemorar un ano máis o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, e rexeitar as políticas da Unión Europea que só xeran explotación e pobreza. O secretario xeral da central nacionalista, Xesús Seixo, que participou en Vigo na manifestación máis concorrida do país, incidiu na necesidade de conquistar un novo modelo económico e social xusto e solidario.

(Galería de imaxes)

Os traballadores/as galegos/as non faltaron á súa cita cunha das datas máis importantes para a clase traballadora mundial, símbolo da loita histórica e continuada de todos/as os traballadores/as por mellorar as súas condicións de vida, e percorreron as rúas de Galiza convocados pola CIG baixo o lema “Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita, soberanía”.

A manifestación de Vigo foi novamente a máis numerosa das doce convocadas pola central nacionalista en todo o país. Nela participaron, ademais dos principais colectivos sociais da cidade, o histórico sindicalista francés José Bové e Clemente Durán, un dos capitáns do 25 de Abril. Ao remate da marcha, xa na Porta do Sol, o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, incidiu na necesidade de conquistar un novo modelo socioeconómico. “Hoxe máis ca nunca reafirmámonos na reivindicación e no compromiso por un novo modelo económico e social máis xusto e solidario”.

Seixo denunciou o contexto de estrema dureza ao que se enfronta a clase obreira nun momento no que o capital está a aproveitar a súa propia crise e a situación de debilidade do movemento obreiro e das forzas de esquerda para afondar e fortalecer o actual modelo de capitalismo neoliberal.

Un modelo ao que prestan a súa complicidade os Gobernos español e galego, executando con man firme as políticas promovidas por institucións como o FMI, o BCE ou a UE co único obxectivo de “transferir rendas do traballo e recursos públicos ao capital financeiro, incrementando así o seus beneficios e o seu poder económico e político”.

Estas políticas antisociais e fortemente centralizadoras -advertiu Seixo- acentúan aínda máis o carácter periférico e colonial da nosa nación, coa conivencia da Xunta do PP, “presidida por ese campión da mentira e da manipulación que é o señor Feijóo”, que non goberna pensando na defensa dos intereses das clases populares e en chave de país, senón que actúa ao ditado do Goberno español e da oligarquía española.

Porén, o secretario xeral da CIG chamou a non caer nunha postura conformista, de pesimismo e de resignación porque “estamos nunha loita de resistencia na procura de ir pouco a pouco mudando a correlación de forzas a favor da clase traballadora”, tamén no ámbito institucional. De aí que, ante a proximidade das eleccións europeas, defendese a necesidade de que Galiza siga a ter presenza no Parlamento europeo a través dos deputados/as nacionalistas.

Finalmente, afirmou que son as contradicións e a loita de clases “as que moven o mundo e determinan o modelo económico e social no que vivimos, así como as relacións entre os pobos”. Por iso, o 1º de Maio sempre significará a loita por conquistar un novo modelo económico e unha nova orde internacional que fagan posíbel unha sociedade máis xusta, solidaria e democrática, respectuosa co medio e co dereito de autodeterminación das nacións fronte ao actual modelo capitalista antidemocrático e opresor”. 

280.000 desempregados/as e 90.000 emigrados/as

A CIG fixo fincapé durante toda a campaña do 1º de Maio na dramática situación de Galiza, con máis de 280.000 desempregados/as, e onde nos últimos tres anos 90.000 persoas marcharon á emigración en busca dun traballo. Ademais, preto de medio millón están en situación de pobreza (10.000 son menores de 18 anos), e cada mes máis de 150 familias perden a súa vivenda.

Mentres, os grandes partidos entregados á corrupción lexislan segundo os intereses dos bancos e das grandes empresas. O Estado español regaloulle á banca máis de 100.000 millóns de euros que saíron dos recortes na sanidade, nas pensións, no ensino, na dependencia ou nas prestacións por desemprego.

Aplicaron unha contrareforma laboral para facilitar os despedimentos, baixar salarios, facer masivos os contratos por horas. Así reducen as cifras do paro, xa que onde antes había un traballador/as agora hai dous ou tres polo mesmo salario.

Dende a UE estrangulan a economía de Galiza, o naval, a pesca, o sector agrogandeiro, a industria láctea, o sector financeiro. O noso déficit comercial é do 82%. Cada vez dependemos máis dos productos de fóra. As grandes empresas explotan os nosos recursos naturais e enerxéticos; pero todas, incluso as de capital galego, teñen a súa sede social en Madrid e pagan alí os impostos.

Volver