A CIG volve esixirlle a MUFACE que respecte o dereito ao uso do galego en todas as súas xestións

A raíz da ampliación das prestacións da aplicación móbil que permite solicitar as prestacións oculares e dentais o sindicato volveu dirixirse á Mutualidade para defender a igualdade de trato para a nosa lingua e o resto das cooficiais.

A CIG vén de dirixirlle unha carta á directora xeral de MUFACE para, alén de congratularse porque se mellore a relación telemática cos e coas mutualistas, se permita o uso de galego en todas e cada unha das xestións que estas poidan realizar tanto a través da páxina web como da aplicación móbil que acaba de incorporar certas melloras, como a posibilidade de solicitar as prestacións dentais e oculares a través da mesma, sempre que se dispoña de Clave Pin. Toda vez que MUFACE acaba de facer público este avance, ao igual que recentemente o de que xa non será necesario viaxar co talonario de receitas a outras comunidades autónomas, o sindicato maioritario no ensino público galego aproveitou para lembrarlle que hai moitos trámites que se fan a través da súa páxina web que seguen sen funcionar nas distintas linguas cooficiais do Estado e lamenta que non se aproveitara a nova actualización da súa app para emendar este erro.

A CIG, a través do seu representante no Consello Xeral de MUFACE, recórdalle á máxima responsábel da Mutualidade que xa lle fora remitida unha queixa neste sentido no ano 2017 e que, malia os avances, segue sen poder empregarse o galego en igualdade de condicións en moitos dos trámites que ofrece este organismo. 

Cómpre lembrar que MUFACE é unha mutualidade á que pertence, con carácter obrigatorio, todo o funcionariado de carreira docente do Estado desde a súa toma de posesión como tal e que é a encargada, entre outras, do gasto farmacéutico ou do subsidio por incapacidade temporal a partir do terceiro mes de baixa médica, alén doutros servizos.

Na última memoria anual publicada pola mutualidade, con datos de 2021, existen en Galiza algo máis de 97.000 mutualistas, dos que 69.000 son funcionariado e ao redor de 28.000 familiares. No ámbito docente, a día de hoxe 27.169 pertencen a MUFACE. A decisión de non ofertar a posibilidade de ter a app no noso idioma implica, por tanto, vulnera os dereitos individuais e lingüísticos de miles de galegos e galegas, unha discriminación que se estende ás demais comunidades con lingua propia.

Volver