A CIG urxe a aplicación do permiso parental de 8 semanas e a actualización do pago de dietas por quilometraxe

As axudas por desprazamentos irán á próxima Mesa Xeral mentres a Xunta non contesta á demanda da CIG de autorizar xa o permiso parental

O sindicato trasladou tanto á Consellaría de Educación como a Función Pública, de quen están pendente en última instancia os cambios e adaptación da normativa estatal para a súa plena aplicación ás empregadas e empregados públicos da Xunta, que se dea luz verde canto antes tanto á actualización das axudas de custe (dietas) como ao permiso parental que está paralizado á espera de que se desenvolva a nivel galego.

 

Axudas por custe de desprazamentos

Despois de moitos anos sen actualizar estas axudas por gastos de quilometraxe (bloqueadas en 0,19€ malia o impresionante incremento dos prezos), en xullo entrou en vigor unha nova contía de 0,26€ que, de momento a Xunta non fixo efectiva ao non ter levado aínda á Mesa de negociación a correspondente orde.

A CIG demanda que nesa orde o pago da quilometraxe teña efectos retroactivos desde a data de entrada en vigor no conxunto do Estado (18 de xullo). Ao tempo, o sindicato considera que se lle debe pór fin a unha discriminación no pago de aloxamento e manutención por motivos de servizo, ao seguir en vigor a diferenza entre tres diferentes niveis no funcionariado, de tal xeito que altos cargos da administración cobran máis por xantares que teñen que realizar fóra por motivos de traballo (asistencia a reunións oficiais que se prolongan máis alá da hora do xantar, por exemplo) que o resto do funcionariado e dentro deste, cobran máis os grupos superiores: defendemos unha mesma contía con independencia do grupo ou nivel de procedencia e remate esta anomalía de que se lle pague máis por comer ou durmir fóra a quen máis cobra.

Profesorado itinerante

Os efectos do pago da quilometraxe ten unha especial incidencia no profesorado itinerante, que debe cobrar polos seus desprazamentos segundo o que se recolle no acordo asinado no seu día pola CIG-Ensino e outros sindicatos coa Consellaría de Educación. Tamén incide no pago por formar parte de tribunais ou por acudir a reunións convocadas pola Consellaría.

Permiso parental

A ausencia de desenvolvemento normativo deste permiso incorporado no Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) no mes de xuño tamén está a provocar que se denegue a quen o solicitou neste comezo de curso. A CIG-Ensino considera que, como nas axudas de xuste, se chega tarde e que urxe regulalo no ámbito da administración galega. Neste sentido, o sindicato demanda non só a súa inmediata aplicación senón que a propia Xunta recoñeza o carácter retribuído deste permiso.

O permiso parental consiste en poder dispoñer de até 8 semanas para o coidado dunha filla ou fillo de 8 anos ou menor en acollida (se está é por tempo superior a un ano). Esas 8 semanas poden ser continuas ou descontinuas, a tempo parcial ou total e pódeno gozar ambas persoas proxenitoras. A duración mínima, no caso de se fraccionar, debe ser dunha semana.

Tal e como se regula na normativa estatal, e a falta dunha revisión posterior, o permiso é NON remunerado, polo que a CIG insta á Xunta a dar o paso de recoñecer o seu pago, avanzado en dereitos para a conciliación e o coidado das crianzas. A Dirección Xeral de Función Pública non contestou á demanda o sindicato para dispoñer a entrada inmediata en vigor deste permiso e nin tan sequera de comprometeu a levalo en breve á Mesa Xeral, o que implica unha falta de respecto co persoal da administración autonómica que xa se podería estar beneficiando deste novo dereito.

 

CIG-Informa actualización quilometraxe e permiso parental 8 semanas

Documento


Volver