A CIG toma as rúas o 1º de Maio para reivindicar traballo, dereitos e soberanía

Milleiros de persoas participaron nas 17 mobilizacións convocadas no Día Internacional da Clase Obreira ao berro de “Galiza contra as guerras”

A CIG tomou as rúas do país un ano máis na xornada do 1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, para reivindicar dereitos laborais, sociais e nacionais e rexeitar a escalada belicista liderada polos Estados Unidos e a OTAN, tal e como condensa o lema escollido nesta ocasión: ‘Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras’.

Varios milleiros de persoas participaron nas 17 mobilizacións convocadas pola central sindical noutras tantas localidades galegas, sendo a principal e máis numerosa a manifestación que percorreu o centro de Vigo ao mediodía, dende o cruce da Dobrada até a Porta do Sol.

Este Primeiro de Maio enmárcase na campaña que a CIG está a desenvolver dende o inicio deste ano para reclamar traballo digno, igualdade de salarios e unha Galiza con dereitos. E celébrase nun contexto de profunda crise global, marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que reforza a explotación de clases e pobos, no que o gasto militar e a guerra son ferramentas do imperialismo para soster un sistema inxusto que é incapaz de xerar desenvolvemento e benestar social, resolver as necesidades básicas da humanidade e ser respectuoso coa natureza.

Nestes termos se expresou precisamente o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a súa intervención ao remate da mobilización de Vigo, que comezou cunha mención solidaria coa Palestina e de condena ao xenocidio que está perpetrar Israel. Ao tempo que situou as principais coordenadas desta xornada “de denuncia e de loita”: contra as guerras imperialistas e a militarización da sociedade; contra a UE do capital e da extrema dereita; e pola defensa dos servizos públicos, dos dereitos laborais e dun proxecto soberano para Galiza.

Carril incidiu en que diante do que está a acontecer en boa parte do planeta “urxen unhas novas relacións internacionais sen subordinacións, explotación nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación e no respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións para a construción dun mundo necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”. Cuestións fundamentais nunha época marcada pola ofensiva do capitalismo neoliberal, que pretende reforzar as súas estruturas de dominación de clase, depredación dos recursos naturais e opresión colonial.

O secretario xeral da CIG sinalou tamén que a chegada de Trump á presidencia dos EEUU é a expresión “máis agresiva e violenta” deste sistema en crise, ampliando as súas políticas belicistas e de control xeopolítico. A este reforzo do papel imperial estadounidense responden a imposición de aranceis e as ordes de aumento do gasto militar dos países integrados na OTAN.

“Condenamos a apoloxía da guerra e a deriva belicista dos gobernos, comezando polo galego e polo español, pero seguido polos europeos, que responden ás ordes dos EEUU, coa OTAN como instrumento de guerra, mentres seguimos nunha crecente recesión económica, cun maior control dos orzamentos públicos que de seguro traerán novos recortes nas políticas sociais e nos servizos públicos”.

E lamentou que a UE confirme coas súas políticas a submisión aos intereses dos EEUU, mentres a extrema dereita medra, consolidando un proxecto reaccionario que prioriza os gastos militares sobre os dereitos sociais. “Unha deriva que afonda no descrédito da UE no mundo e acelera a súa descomposición interna, mentres se mantén intolerante en recoñecer dereitos socias e a soberanía dos pobos e nacións que a integran”.

Críticas aos Gobernos español e galego

Un deseño imperialista co que o Goberno español “se aliñou sen reparos”, lanzando unha “descomunal” campaña de propaganda, recorrendo ao medo para convencer á poboación da necesidade de incrementar as partidas destinadas a armamento, cando xa supera o 2% do PIB en gasto militar, priorizando así orzamentos bélicos sobre as necesidades sociais.

De xeito que acepta plans de axuste que recortan o investimento público e camiñan cara a privatización dos servizos básicos, medrando os sectores populares impedidos de acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres. “Están a aprobar políticas que precarizan as condicións de vida da clase traballadora con reformas que teñen como obxectivo rebaixar salarios e flexibilizar os dereitos laborais”.

Puxo como exemplos que o 60% do emprego creado corresponde a contratos fixos-descontinuos e temporais; o crece a pobreza laboral; e o feito de que moitas persoas traballadoras, aínda que conten cun emprego, ven reducidos os seus ingresos mentres as empresas aumentan “espectacularmente” os seus beneficios.

Carril cargou tamén contra as políticas “suicidas” do PP á fronte do Goberno galego, “que aproveita estas políticas españolas e no seu profundo proxecto reaccionario e dereitoso convérteas en máis fatais para o pobo galego, provocando un aumento da pobreza e da desigualdade”.

Un PP -denunciou- obsesionado coa privatización dos servizos públicos, do ensino, da sanidade e coa mercantilización do sector da dependencia, nun país que segue sen ter un sistema galego público de atención ás persoas maiores e dependentes, “fomentando a precariedade e os baixos salarios por permitirlle a barra libre ás patronais dos SAF e das residencias da terceira idade”.

Unhas políticas que afondan na desertización industrial e social de comarcas enteiras, abandonadas polas administracións, “mentres o PP mantén a súa carreira desenfreada pola depredación dos nosos recursos naturais e minerais”.

Neste senso, preguntouse por que na recente apagada Galiza foi dos últimos territorios en volver á normalidade a pesar da súa gran capacidade de xeración eléctrica e por que o Goberno galego optou por abandonar as súas responsabilidades nun sector clave. “Xa estamos fartos de ser unha colonia e que o espolio dos nosos recursos estea ao servizo do desenvolvemento doutros territorios, mentres padecemos todos os impactos sociais e medioambientais negativos”.

Ao mesmo tempo, denunciou a actual ofensiva contra a nosa lingua, co intento de executar un pacto “para enterrala”, polo que chamou a encher as rúas de Compostela o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas baixo o lema ‘Paremos a emerxencia lingüística, lingua vital xa!”.

Para Carril todo isto ocorre en Galiza e no Estado español co aval dun diálogo social “fraudulento” que se utiliza como “cortina de fume” para impor estas medidas e as reformas laborais e da Seguridade Social “que legalizan a precariedade, os baixos salarios, a pobreza laboral e aumentan as desigualdades e o desmantelamento do sistema público de pensións”.

Medidas como a redución da xornada a 37,5 horas promovida polo Ministerio de Traballo, UGT e CCOO, que cualificou de “fraudulenta” porque a xornada laboral anual media xa está moi próxima a esta cifra e porque a redución faise no cómputo anual, permitindo a distribución irregular da xornada, o que non garante que as persoas saian antes do traballo. “Non estamos ante un verdadeiro novo dereito, e se queremos avanzar en dereitos e recoñecer unha reivindicación histórica do movemento obreiro hai que reducir a xornada a 35 horas semanais”.

Finalmente advertiu que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesións dos gobernos nin nacen do diálogo social, senón que se conquistan loitando. “O tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é tempo que perdemos en gañar dereitos”.

 

Volver