A CIG solicita unha reforma do EBEP que non se limite á intención do goberno central de regular o teletraballo e abordar a temporalidade

Nunha reunión celebrada coa ministra de Administración Públicas o sindicato avogou por eliminar a taxa de reposición e buscar fórmulas legais para que os procesos de consolidación se fagan pensando nas persoas que levan anos en fraude de lei

Esta mañá celebrouse un encontro virtual meramente protolocario entre a ministra de Política Territorial e Administración Pública coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial das AAPP na que avanzou a intención do goberno español de modificar o Estatuto Básico do Empregado Público pero só para regular o teletraballo e abordar o tema da temporalidade. Sobre a primeira cuestión simplemente sinalou algunhas preguntas que se fai o propio Ministerio sobre regular o teletraballo como algo obrigatorio ou voluntario, a tempo parcial ou total e que a regulación teña carácter básico. E sobre a segunda, tampouco adiantou en que se sentido se pretende realizar esa “abordaxe” e simplemente se limitou a indicar que a Administración Xeral do Estado conseguira reducir até o 8% a taxa de temporalidade pero non así no resto das administracións.

Neste sentido a ministra afirmou que pretenden facer unha modificación dos prazos do actual acordo de estabilidade para poder levar ao 2021 (ou mesmo máis adiante) a realización das OPE do 2017 e 2018 que están sen desenvolver ou aprobar en moitas administracións públicas. Isto non afectaría ao Ensino en Galiza porque esas Ofertas de Emprego xa se produciron pero si a outras convocatorias de emprego público da administración galega e das locais. 

En canto á modificación puntual do EBEP a ministra adiantou que se comezarían cos traballos a partir do mes de xullo e que se concretarían a partir de setembro, dando a entender que queren unha negociación rápida e que non van “abrir o melón” de introducir outros cambios de calado no mesmo. 

Oportunidade para darlle un volta ao EBEP 

Precisamente isto é que demandou a CIG na súa intervención, comezando por criticar o Acordo de estabilidade e que se manteña a taxa de reposición e continuando porque se aborde dunha vez por todas unha fórmula legal que permita reducir a temporalidade nas administracións públicas mediante procesos de consolidación que teñen en conta as persoas que levan anos en situación de fraude de lei. Neste sentido, o sindicato lembrou que a xurisprudencia europea deixa ben claro que as fórmulas “denominadas de consolidación” incluídas no Acordo de Estabilidade asinado por Montoro e os sindicatos estatais non valen para o cometido (ou escusa) coa que se venderon. Ademais, está pendente tamén identificar cal é o réxime sancionador para as administracións que incumpran a lei no referente á temporalidade. 

A CIG tamén reclamou que calquera reforma que se leve a cabo no EBEP ten que ter carácter de mínimos para que sexa despois a administración galega a que a desenvolva. Así mesmo, non se debería obviar un dos principais problemas que se puxeron de manifesto co estado de alarma e a crise sanitaria, e que ten que ver coas obrigas do persoal do sector público para a tutela e coidados de fillos e fillas ou maiores a cargo. Neste sentido, debe quedar blindada a opción do teletraballo cando sexa posíbel ou do permiso retribuído cando o traballo desde a casa non sexa unha opción, nos casos de que o persoal ao servizo das administracións públicas se vexa na obriga de coidar a menores ou maiores a cargo.

O sindicato tamén lembrou que as empregadas e empregados públicos manteñen a día de hoxe unha perda de poder adquisitivo próxima ao 11% e uns recortes nas extras (salario base e trienios) que dependen exclusivamente do goberno central. Cómpre que recuperemos os dereitos que o acordo retributivo do anterior goberno do PP e dos sindicatos estatais desprezaron. O dereito a mellorar as condicións da xubilación foi outro dos aspectos que precisa melloras e que se puxo enriba da mesa. Anular as reformas das pensións do 2011 e 2012, aínda non sendo do ámbito de negociación desta Mesa, debe ser unha prioridade así como a regulamentación do dereito á xubilación anticipada de todos e todas as empregadas públicas.

Volver