
A CIG rexeita rotundamente a proposta da Xunta de seguir reducindo os salarios dos empregados/as públicos e a desaparición, na práctica, da oferta de emprego público para o ano 2011
Propón a restitución salarial, un plan plurianual para recuperar o poder adquisitivo, ofertas de emprego amplas e toda unha batería de medidas para enfrontar a crise para que non sexan os traballadores/as quen teñan que pagala
O día 18 de outubro reuniuse a Mesa da Función Pública para tratar como único punto da orde día, o capítulo I do proxecto de orzamentos no relativo, entre outros aspectos, ás retribucións e reposición de efectivos do persoal da Xunta de Galiza.
Diante da proposta presentada pola administración, que reproduce a presentada polo goberno central en Madrid, a área pública da CIG (Administración, Ensino e Sanidade) denunciou o “desprezo” e “desconsideración” da Xunta de Galiza con todos os seus traballadores e traballadoras, xa que se impediu calquera posibilidade de negociación. “Disto dá conta a propia convocatoria desta mesa, feita con apenas 48 hora de antelación, cando xa está previsto que se presenten os orzamentos no Parlamento de Galiza o próximo mércores día 20 e cunha imposibilidade absoluta de levar a cabo calquera tipo de negociación”, asegurou Anxo Louzao en representación da central sindical na Mesa.
A CIG entende que se trata dunha convocatoria feita exclusivamente para cubrir o expediente, como así o demostrou o seu desenvolvemento e a negativa a aceptar calquera tipo de proposta e manifestou que non está disposta “a ser cómplice desta política económica e laboral encamiñada a deteriorar os servizos públicos mediante súa progresiva redución e privatización, desmantelando servizos e reducindo os seus cadros de persoal”.
Neste sentido, a CIG manifestou o seu rexeitamento, na medida en que se continúan a reducir os salarios de todos os empregados e empregadas públicos/as de Galiza, que se verán reducidos, para o ano 2011 nun 5%, ao que hai que engadir o 2,1% do IPC interanual que tampouco imos percibir, é dicir, na práctica o noso salario reduciranse un 7,1% e así mesmo a redución en máis do 30% das pagas extra; a limitación da taxa de reposición ao 10%, que na práctica suporá que non haxa oferta de emprego público para o vindeiro ano e a ausencia de cláusula de revisión salarial.
Proposta da área pública da CIG
Fronte a isto, a CIG propuxo a restitución dos salarios, cunha suba salarial de, como mínimo, o IPC real; un plan plurianual que permita recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos, que superou, por termo medio o 15%; a inclusión da cláusula de revisión salarial e ofertas de emprego que, como mínimo teñen que abranguer o 100% da taxa de reposición.
Ao tempo, rexeitáronse os contratos a tempo parcial no Ensino e exixíronse contratacións para cubrir todas as substitucións e a dotación de administrativos en todos os centros
A CIG manifestou ademais que non se pode xustificar o traslado ás costas dos traballadores/as da administración das consecuencias desta crise provocada polo capitalismo neoliberal, que a quen máis afecta é á clase traballadora.
Para enfrontar esta crise sen que sexan os traballadores/as quen teñan que pagala, a área pública da CIG defendeu a adopción de toda unha serie de medidas, entre as que salientan a reforma fiscal para que muden as políticas impositivas, obrigando a pagar máis a quen máis teñen; a redución dos gastos militares; a supresión do plus de altos cargos; atacar a fraude fiscal; apostar por unha banca pública; reducir os concertos educativos e manter os libros de texto en galego, que suporía, só esta última, un aforro de 8 millóns de euros.
Sanidade e Ensino
Para a CIG, segundo Anxo Louzao, é especialmente grave que, non só se limite a taxa de reposición ao 10% no conxunto da administración, senón tamén que, por vez primeira se aplique esta taxa á Sanidade e ao Ensino, servizos básicos para os que se impide, na práctica, que haxa unha oferta de emprego, reducindo os seus cadros de persoal e provocando unha maior precarización das condicións laborais e impedindo o aceso ao funcionariado do profesorado interino e de novo profesorado ao incrementar a taxa de interinos.
Novas relacionadas