A CIG rexeita o gasto público e a inxerencia relixiosa no ensino con motivo da visita do Papa Bieito XVI

Pola laicidade, fronte aos derroches ostentosos e polo respecto ás liberdades de expresión e manifestación

A CIG respecta a liberdade relixiosa e a liberdade de expresión, non se opón á visita de ningún líder relixioso, nin que se leven a cabo os actos que considere pertinentes ou que expoña os seus puntos de vista sobre aqueles asuntos que lle apeteza. O que non pode aceptar é que todos os galegos e galegas teñan que facer un esforzo económico, sobre todo nas actuais circunstancias de crise e paro, independentemente das nosas conviccións relixiosas, para sufragar uns faustos con custos tan elevados (varios millóns euros).

A CIG manifesta a desconformidade co sitio policial ao que se somete a cidade de Compostela que mesmo levou a que se nos prohibise o percorrido da manifestación contra a reforma laboral, recorte de pensións e os orzamentos da Xunta que tiñamos prevista para o día 3 (3 días antes da visita).

A CIG non acepta ningunha restrición da liberdade de expresión daqueles que queiran manifestar opinións diferentes ás que sostén o Papa, sobre todo, cando esas opinións teñen que ver cos principios fundamentais sobre os que se asenta a nosa convivencia: igualdade entre homes e mulleres, non discriminación por razón de orientación sexual, etc...

Parécenos impresentábel que se aproveite esta visita para fomentar a exclusión da nosa lingua e cultura, dentro da liña de actuación que segue a actual Xunta de Galiza. Non é de recibo que na propaganda pagada pola Xunta se empregue o nome do Papa en Español, nin que o uso do noso idioma quede marxinado no programa de actos previsto.

As posicións do actual Papa sobre cuestións como o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, a prevención de enfermidades de transmisión sexual, etc... non merecerían resposta da CIG se se restrinxiran ao ámbito dunhas pautas de conduta que se fixasen para os que libremente aceptan ser membros da Igrexa católica. O problema é cando se pretende influír nos Estados para que se apliquen a todos os cidadáns e cidadás lexislacións punitivas que van en contra dos dereitos humanos e da liberdade sexual das persoas.

Queremos denunciar o uso que, por parte da Concellaría de Educación do Concello de Santiago, se pretende facer dos centros educativos públicos para que participen en actos de adoutrinamento relixioso coa escusa da visita do Papa.

Diante disto, a CIG denuncia a politización partidista que pretende facer o PP desta visita para avalar as súas políticas sociais ultraconservadoras. Desde a CIG, non estamos dispostos a aceptar ningún paso atrás nos dereitos conquistados por colectivos que estiveron historicamente marxinados e perseguidos, como é o caso dos homosexuais. E conseguintemente non aceptamos ningunha intromisión política dun líder relixioso, mais tamén, xefe doutro Estado, na política do noso propio Estado. Como laicos defendemos a separación da igrexa e do Estado e como nacionalistas, o respecto á soberanía dos pobos.

Volver