A CIG rexeita a proposta do goberno de modificar o réxime de clases pasivas para adecualo á reforma das pensións

As Federacións de Administración e do Ensino alertan das consecuencias que terá na convocatoria de emprego público e censuran a exclusión da central nacionalista do proceso de negociación

As Federacións de Administración Pública e do Ensino da CIG compareceron este luns en rolda de prensa para rexeitar a proposta de modificación do réxime de clases pasivas presentado polo goberno, co obxecto de “harmonizar” as condicións dos funcionarios e funcionarias de carreira ao recollido no anteproxecto de reforma das pensións. Dende a central censúrase o proceso de negociación que a administración mantén con CCOO, UGT e CSIF e do que se excluíu á CIG, a pesar de ter presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas e no Consello de Muface.

A proposta, explicaron a Secretaria Nacional da CIG-Administración Pública, María Carme López Santamariña, e o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, é consecuencia directa do Acordo Social e Económico asinado entre o goberno, a patronal e as organizacións sindicais UGT e CCOO e trasladará ao actual réxime de clases pasivas as medidas regresivas contidas no anteproxecto de reforma da Seguridade Social. Neste senso, dende as dúas Federacións criticouse a demagoxia amosada por UGT e CCOO que o pasado mes asinaban o pacto social, mais agora denuncian publicamente os cambios que se pretenden introducir nas clases pasivas.

A modificación do réxime, explicou Carme López, afectará en Galiza a uns 62.000 mutualistas de MUFACE (empregados/as da administración do estado e da autonomía, traballadores/as da antiga Correos e persoal docente). Ademais, tamén se aplicará aos/ás mutualistas de ISFAS (persoal militar) e MUGEJO (persoal de Xustiza).
Na proposta de adaptación, sinalaron López Santamariña e Louzao, solápanse todas aquelas cuestións positivas recollidas no réxime de clases pasivas para aplicar os aspectos máis negativos da reforma das pensións. Así, o texto estabelece o atraso da idade de xubilación até os 67 anos e o atraso da xubilación anticipada aos 63 anos (sempre que se teñan 33 anos de servizos e suxeito a un coeficiente redutor do 7% da pensión por cada ano que se adiante a xubilación). De igual xeito, para acadar o 100% do haber regulador os traballadores e traballadoras deberán acadar os 37 anos de servizo.
“Este ataque ás condicións laborais, denunciaba Louzao, vén sumarse ás agresións que os empregados e as empregadas públicas teñen sufrido no último ano e que ten provocado unha devaluación dos salarios do 7.5% e a redución do 30% das pagas extraordinarias”.
Mais especificamente, o Secretario da CIG-Ensino advertiu das consecuencias “nefastas” que no caso da educación terá eliminar a xubilación anticipada a partir dos 60 anos (dereito recollido para o persoal docente tamén na LOE), pois provocará que a oferta de emprego público no ensino nos próximos anos sexa practicamente inexistente. Alén de crear postos de traballos, Louzao aclarou que facilitar a xubilación anticipada permite tamén a renovación das equipas docentes, máis formadas nos novos campos de coñecemento, e polo tanto a mellora dun servizo básico como é o sistema público de educación.

Críticas ao procedemento de negociación

A Secretaria da CIG-Administración lamentou durante a comparecencia a marxinación da CIG no proceso de negociación da reforma do réxime de clases pasivas, a pesares de ostentar a condición de sindicato máis representativo e polo tanto con presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas. Carme López denunciou que o goberno español estivo dialogando durante a pasada semana con CCOO, UGT e CSIF, sen informar destas xuntanzas á CIG. De feito, explicou, a día de hoxe a central nacionalista descoñece se a proposta que trasladou a Secretaría da Función Pública é o texto definitivo que se debaterá na Mesa Xeral.

Carme López rexeitou tamén que non se teñan abordado no marco do Consello Xeral de Muface estas mudanzas e adiantou que a central nacionalista levará unha proposta á xuntanza do Pleno (sen data concretada) para que este se posicione en contra da reforma.

Pola súa banda, Anxo Louzao subliñou que a CIG “non vai quedar de brazos cruzados” e lembrou que o vindeiro 5 de abril a central nacionalista, xunto coa maioría sindical vasca, ten convocada unha manifestación en Madrid en contra da reforma das pensións e da negociación colectiva e na defensa do emprego. Do mesmo xeito, lembrou que a CIG-Ensino ten organizado diversas campañas a prol da consolidación do dereito do profesorado á xubilación anticipada e adiantou que non se descarta convocar novas mobilizacións en toda a administración.

Volver