A CIG reitera o seu máis contundente rexeitamento ás medidas presentadas por Zapatero e reafirma a necesidade dunha folga xeral

Denuncia o centralismo e sectarismo das centrais CCOO e UGT

A CIG vén de reiterar, en rolda de prensa, o seu máis contundente rexeitamento ás medidas regresivas e antisociais presentadas a pasada semana por Zapatero e de facer un novo chamamento a que as mobilizacións se estendan ao conxunto da clase traballadora e non se cingan exclusivamente aos empregados/as públicos/as. A central sindical entende que os recortes salariais anunciados na área pública son só o primeiro chanzo para xustificar logo unha reforma laboral coa que se recortarán dereitos e se precarizarán aínda máis as condicións laborais. Por iso lamenta que non fora posíbel conseguir a unidade sindical, nas mobilizacións e folga convocadas na área pública, nin de cara a convocatoria de folga xeral, polas diferenzas existentes respecto das mesas de diálogo social, onde CCOO e UGT están a negociar, precisamente, esa reforma laboral.
A CIG reitera o seu máis contundente rexeitamento ás medidas presentadas por Zapatero e reafirma a necesidade dunha folga xeral

Rexeitamento ás medidas presentadas por Zapatero e reafirma a necesidade dunha folga xeral from cig-ensino on Vimeo.

Mobilízate contra as medidas antisociais e inxustas anunciadas polo goberno! from cig-ensino on Vimeo.


A CIG vén de reiterar, en rolda de prensa, o seu máis contundente rexeitamento ás medidas regresivas e antisociais presentadas a pasada semana por Zapatero e de facer un novo chamamento a que as mobilizacións se estendan ao conxunto da clase traballadora e non se cingan exclusivamente aos empregados/as públicos/as. A central sindical entende que os recortes salariais anunciados na área pública son só o primeiro chanzo para xustificar logo unha reforma laboral coa que se recortarán dereitos e se precarizarán aínda máis as condicións laborais. Por iso lamenta que non fora posíbel conseguir a unidade sindical, nas mobilizacións e folga convocadas na área pública, nin de cara a convocatoria de folga xeral, polas diferenzas existentes respecto das mesas de diálogo social, onde CCOO e UGT están a negociar, precisamente, esa reforma laboral.

Os representantes da área pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) compareceron en rolda de prensa para informar do calendario de mobilizacións acordado pola central sindical e para explicar as razóns polas que non se acadou a necesaria unidade de acción para a convocatoria das mobilizacións previstas para a área pública e para camiñar cara a convocatoria dunha folga xeral.

Para a CIG é imprescindíbel a mobilización para manifestar, non só o rexeitamento ás medidas presentadas por Zapatero para enfrontar a crise económica relativas aos empregados e empregadas públicos/as, senón tamén para frear unha reforma laboral da que aínda non se coñece o seu contido pero da que xa se adiantaron algunhas das medidas que se pretenden introducir.

Por iso, María Carme López Santamariña, secretaria nacional da federación de Administración, salientou a necesidade dunha acción sindical conxunta que se estenda a todos os traballadores/as e non só aos da administración pública; denunciou que con esta campaña estase poñendo no punto de mira aos empregados e empregadas públicos/as e manifestou que a CIG non permitirá que se siga afondando no seu desprestixio.

Así, lembrou que traballadores/as públicos/as son os bombeiros, os mestres/as, enfermeiros/as, médicos... todo un colectivo de arredor de 150.000 traballadores/as, que moitas veces queda desdebuxado, no que moitos/as deles en moitos casos non chegan aos 1.000 euros.

A secretaria nacional da federación de administración lembrou que a semana pasada a CIG xa manifestara a súa contundente oposición ás medidas anunciadas e que se adhería e mesmo encabezaba as mobilizacións, facendo un chamamento á unidade sindical para que non se cinguiran ao sector público. “As medidas teñen que ir máis alá dos 2 actos previstos para o día 20 e para a folga do día 8”.
Porén, tras da xuntanza celebrada o martes 18 de maio con diversas organizacións sindicais, que se prolongou durante horas, finalmente constatouse que a unidade sindical non é posíbel.
As federacións da área pública, que participaron nesta reunión, consideran que o problema radica en que a CIG é una organización sindical incómoda para CCOO, UGT e CSIF, xa que “o único que pretenden é dar una imaxe cara as/os traballadoras/es de que van a convocar mobilizacións para parar as medidas do goberno, mentres os seu dirixentes pactan en Madrid co goberno as devanditas medidas”.
“Lamentamos que non estiveran dispostos a aceptar a unidade sindical para paralizar as medidas do goberno e encamiñar as mobilizacións cara unha convocatoria dunha folga xeral extensiva a todos os sectores, dado o seu carácter regresivo e antisocial e non limitarse unicamente á área pública”, afirmou López Santamariña.
Folga xeral
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino afondou nesta cuestión e explicou que estamos ante un momento grave perante o que hai que adoptar medidas contundentes para evitar que se faga efectiva a pretensión de que sexa a clase traballadora quen pague a crise.

Louzao advertiu que está pendente aínda a reforma laboral, que temos a ameaza do recorte das pensións e que se están dando pasos cara a privatización do sistema público e asegurou que só poderán paralizarse esas medidas se somos capaces de convocar unha folga xeral.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou a demagoxia do goberno e dalgúns medios de comunicación, que fan énfase en que estas son medidas a aplicar entre o funcionariado. “Van recaer sobre todos os empregados e empregadas públicos/as entre os que hai un 20% de eventuais e outro tanto que non chegan aos 1.000 euros”. Lembrou ademais que nos últimos anos perdéronse 12 puntos de capacidade adquisitiva por mor das políticas de conxelación salarial.

Louzao sinalou ademais que as medidas de recorte salarial anunciadas para o sector público son só un primeiro chanzo que afectará despois ao conxunto da negociación colectiva. “É unha carta branca para a patronal que logo non vai estar disposta a asumir melloras laborais e salariais”.

Por iso, fixo un chamamento ás organizacións sindicais estatais porque “a clase traballadora está por riba do seu centralismo e sectarismo” e apelou ao dereito dos traballadores/as a decidir sobre o seu futuro. “Estamos dispostos a confluír pero non a avalar unhas mesas de diálogo social para afundir aínda máis as condicións laborais da clase traballadora galega”, concluíu.


Mobilízate contra as medidas antisociais e inxustas anunciadas polo goberno!

En defensa dos salarios, do emprego e dos servizos públicos


Día 20 de maio. Concentracións nas sete cidades

Compostela: Praza do Toural, ás 19:00 horas

A Coruña: Delegación do Goberno, ás 19:00 horas

Lugo: Subdelegación do Goberno, ás 20:00 horas

Vigo: Rúa do Príncipe, ás 19:00 horas.

Pontevedra: Subdelegación do Goberno, ás 19:00 horas

Ferrol: Edificio administrativo da Xunta de Galiza, ás 19:00 horas.


Concentración diante da Delegación do Goberno (A Coruña), o día no que se debata nas Cortes o decreto lei

Día 2 de xuño, concentracións diante de diferentes centros de traballo

Día 8 de xuño, folga e manifestación en toda a área pública



Volver