A CIG reitera no Consello Xeral de MUFACE a súa defensa da sanidade pública e lamenta a cesión ante as aseguradoras
MUFACE avanza que atende a demanda sindical de recuperar o cambio de entidade en xuño, polo que haberá dous prazos para cambiar ao longo do ano
Na reunión extraordinaria do Consello Xeral de MUFACE as responsábeis da mutualidade veu confirmar o que xa se avanzou antes os medios de comunicación nesta mesma semana: aceptan o pedido polas empresas e as novas primas serán por tramos de idade.
A directora xeral puxo dous exemplos que reproducimos:
Tramos idade/anualidade |
2024 |
2025 |
2026 |
2027 |
+75 anos |
112 € |
260 € |
267 € |
272 € |
0 – 4 anos |
77,59 € |
49 € |
50 € |
51 € |
Con isto a cifra estimada do custo para os 3 anos próximos pasará dos 3.521 millos de euros aos 4.487 millóns, un incremento de case 1.000 millóns. Esta contía refírese só á asistencia sanitaria dentro do estado español. A do exterior vai noutro concerto, aumentando en 28 millóns de euros, até un total de 77 millóns nos mesmos 3 anos.
Prazos importantes a ter en conta para cambiar de entidade
A previsión de MUFACE é que o concurso estea resolto a mediados de febreiro. Sendo isto así, o mes de xaneiro habilitarase para todas as persoas mutualistas que, tendo prestación sanitaria privada, queiran pasarse á sanidade pública.
Cando se asine o novo concerto, abrirase un novo prazo para que poidan cambiar de entidade aquelas persoas que están na privada e non se pasaron á pública. Neste novo prazo non poderán cambiar quen fixeron o cambio no mes de xaneiro (isto ao final non foi así, ver información actualizada do cambio de entidade na seguinte ligazón)
Como novidade máis salientábel está o a aceptación por parte de MUFACE dunha demanda que a CIG veu reiterando nestes últimos anos, logo de que se anulase: o cambio ordinario en xaneiro e xuño. A CIG considera positiva esta medida ao non obrigar a permanecer un ano enteiro coa mesma entidade, cando en ocasións se ten provocado este cambio pola vía das reclamacións (normalmente por queixas pola desatención).
Resumo das novidades
- Duración do concerto: pasa de 2 a 3 anos
- Poderase facer cambio de entidade en xaneiro e xuño. Teñen que reformar o convenio co INSS, pero non lle ven problema.
- Incluirán nas obrigas das entidades medidas de medicina preventiva como os cribados.
- Estabelecerán un protocolo para que as entidades privadas tamén receiten telefonicamente.
- Do mesmo xeito estarán obrigadas a enviarlles os medicamentos hospitalarios ao domicilio das e dos doentes (até agora tiñan que acudir ao hospital).
- Crearase unha comisión entre MUFACE e as aseguradoras para implementar os novos tratamentos que se incluían na Carteira de Servizos Comúns do sistema nacional de saúde.
- Obriga das empresas de enviar a MUFACE o custo real dos servizos en cada ano do concerto, unha vez sexan auditadas.
- Implementar que os partes de baixa sexan emitidos electronicamente ás unidades de persoal (proxecto no que xa leva tempo traballando MUFACE)
Intervención da CIG
- A CIG reafirmou a defensa do modelo de sanidade pública como a mellor opción.
- O sindicato lamentou a cesión do Goberno diante das aseguradoras que nin sequera aclararon o custo actual do servizo para xustificar a alza tan elevada.
- Anunciamos o resultado do estudo sobre a verdadeira situación do mutualismo na Galiza en canto á opción de entidades públicas e sanidade privada, facendo fincapé nos datos do profesorado (colectivo moi maioritario entre mutualistas) incorporado desde o 2021, tento en Galiza como no Estado, cunha evidencia clara que se debería camiñar cara a sanidade pública para evitar a chantaxe das empresas privadas, partindo da análise da situación actual.
Na intervención final, MUFACE informa que o goberno solicitou un informe á AIRef (Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal) sobre a sostibilidade do modelo actual.