A CIG presentará recurso contra os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta para a folga xeral do 14-N

Non se chegou a ningún acordo na xuntanza desta mañá, na que a administración desouviu todas as sentenzas do TSXG e do Supremo

A CIG vén de pór en mans dos seus servizos xurídicos o decreto de servizos mínimos da Xunta para a folga xeral do 14-N, para presentar un recurso tras fracasar as negociacións desta mañá. A central sindical adianta que se non se chega a un acordo na propia CRTVG –tampouco se conseguiu coa administración- presentará ademais unha demanda polo procedemento de tutela de dereitos fundamentais.

Podes descargar nesta ligazón un CIG-Informa sobre este tema

A CIG xa trasladara na xuntanza celebrada o martes a súa total oposición á proposta de servizos mínimos presentada pola Xunta, que afecta a todo o persoal que traballa nos sectores e servizos baixo competencia da administración.

Para a central sindical é especialmente grave que desde a Xunta de Galiza se intente dificultar, cando non impedir o exercicio do dereito á folga do seu persoal, recorrendo a uns servizos mínimos abusivos, máis cando hai sentenzas anteriores que así os consideran, tanto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, como do Supremo.

A CIG estabelecía como punto de partida para a negociación o auto do 19 de xuño de 2002, da sala do contencioso-administrativo do TSXG, que di literalmente que  se entende que “os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que atenderse ás quendas estabelecidas para os sábados”.

No caso da CRTVG, tamén fracasaron as negociacións aínda que se continúa a negociar directamente entre comité de empresa e compañía.

Servizos abusivos no ensino

No caso do ensino non se aplica o auto do TSXG, xa que de cumprirse o estabelecido polo alto tribunal galego ningún centro debería estar en funcionamento o día 14 de novembro posto que nas fins de semana as escolas permanecen pechadas. Pola contra, a Xunta estabeleceu que un traballador/a de cociña nos centros ordinarios con comedor escolar de xestión directa e un encargado de catering nos de xestión indirecta, un/ha auxiliar coidador/a e o 20% do persoal de comedor, subalterno e limpeza das residencias docentes ten que estar operativo o día da folga xeral.

Ademais, a CIG considera especialmente intolerábel que a Xunta volva privar dos seus dereitos ao persoal das escolar unitarias, e en boa medida dos coidadores/as e subalternos/as, xa que obriga á presenza dalgún/ha membro docente naqueles centros con menos de seis unidades. 

Transporte escolar e de traballadores/as

A CIG solicitou a retirada como servizo mínimo, do transporte de escolares e dos traballadores/as. A central sindical considera que esta non é unha folga específica do sector do transporte, senón que ten carácter xeral e dun só día. Darlle a consideración de especial a este tipo de transporte imposibilita que os traballadores e traballadoras das compañías que prestan o servizo poidan exercer o seu dereito a folga. 

Obriga de abrir todos os centros

A CIG pediu tamén a retirada do punto do borrador no que se expón literalmente que: “En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros de traballo”. Esta obriga é contraria ás disposicións que vai marcando o propio decreto e conculcadora do dereito á folga, ademais de invalidar calquera acordo. Ademais a xeneralidade da súa redacción podería dar lugar á designación de traballadores/as en servizos mínimos de forma abusiva nun xornada de folga.

Volver