A CIG presenta recurso contra a vulneración dos dereitos fundamentais e denuncia contra a vulneración da Lei de protección de datos

Denuncia da CIG-Ensino

A Consellaría de Educación lánzase a unha campaña política contra un Decreto en vigor, impoñéndolles aos equipos directivos que se convertan en difusores da súa propaganda partidista, cuestionando a dita lexislación vixente e tratando de amordazar calquera discrepancia do adoutrinamento antigalego en que están instalados.
A Consellaría está a vulnerar o dereito de liberdade de expresión e opinión dos docentes e utiliza de xeito fraudulento o ficheiros de xestión académica
A CIG presenta recurso contra a vulneración dos dereitos fundamentais e denuncia contra a vulneración da Lei de protección de datos
 
 
A CIG vén de presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e denuncia diante da Axencia Española de Protección de Datos contra o procedemento de consulta a pais e nais sobre o uso das linguas no ensino que está a levar a cabo a Consellaría de Educación. Desde a CIG-Ensino denúnciase a vulneración dos dereitos fundamentais, especialmente a liberdade de expresión e opinión e liberdade sindical, xa que se prohibe informar sobre a enquisa, así como a vulneración da Lei de Protección de Datos, a respecto do uso fraudulento dos ficheiros de xestión académica.
 
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o avogado da asesoría da central, Héctor López de Castro, compareceron en rolda de prensa para dar conta destes dous novos recursos, que se suman ao presentado a pasada semana diante da propia Consellaría, instándoa a paralizar de xeito inmediato a consulta. Anxo Louzao criticou duramente á Administración por atacar constantemente o noso idioma, utilizando todos os medios á súa disposición “e mesmo inventar un inquérito ilexítimo para xustificar un resultado previsto de antemán”.
 
Neste senso, Louzao lembrou a circular enviada pola Consellaría a todos os centros nos que se vai entregar a enquisa prohibindo ao profesorado, Equipas de Dinamización e Normalización Lingüísitica e Equipos directivos reunirse, informar ou opinar sobre o proceso de consulta. Segundo explicou López de Castro, esta prohibición atenta contra o dereito á liberdade de expresión e opinión, de reunión, asociación e liberdade sindical, polo que a central vén de presentar un recurso contencioso-administrativo ante a o TSXG, polo dereito especial de tutela de dereitos fundamentais, coa solicitude á sala de que declare a suspensión cautelar da instrución para que, alomenos, até o día 19, no que remata o inquérito, se poidan producir manifestacións, opinións, reunións, etc.
 
Dende a CIG enténdese que coa circular a Consellaría se vulneran estes dereitos, constituíndo un caso de censura previa na medida en que se limita a posibilidade de difundir expresións, co agravante, ademais, das coaccións indirectas por parte da administración de abrir expedientes disciplinarios aos docentes que incumpran a prohibición. Anxo Louzao subliñou que o inquérito vulnera as prerrogativas do sistema educativo ao coartar unha das obrigas das equipas directivas: informar sobre o traballo que se desenvolve nos centros. “O comportamento da Consellaría non busca o debate, senón converter aos centros en centros de pensamento único”, criticou.
 
Ao tempo, destacou o avogado da CIG, estase negando a posibilidade de crear unha opinión libre, impídese realizar reunións e coacciónase a propia existencia das asociacións no ámbito do ensino, así como se vulnera a liberdade sindical porque se prohibe realizar xuntanzas nos centros para tratar un asunto que “pode mudar o modelo educativo e o modelo lingüístico”.
 
Por contra, dende a central criticouse que a propia Consellaría non se “ruboriza” en levar a cabo unha “fastuosa” campaña mediática sobre o desenvolvemento do proceso resaltando o seu carácter “democrático”.
 
Tratamento de datos persoais
A segunda denuncia cursada nesta mañá pola CIG-Ensino está dirixida á Axencia española de Protección de Datos co obxectivo de que abra un expediente sancionar contra a Consellaría, baseado nas instrución aos centros ordenada pola administración para que se formen listados de alumnos a partir dos ficheiros de xestión académica. Estes ficheiros teñen que estar inscritos no Rexistro da AEPD e teñen que recoller a finalidade para a que se vai empregar esa información.
 
Non obstante, explicou López de Castro, nas bases de datos da Consellaría, renovadas en abril deste ano, non se recolle que os datos contidos vaian utilizarse para a elaboración dunha nova normativa a respecto do uso do galego no sistema educativo. De igual xeito, destacou a especial sensibilidade dos datos tratados neste caso, xa que se refiren a menores e a unha circunstancia tan particular como a lingua familiar.
 
Marcar a favor do galego
Pola súa banda, Anxo Louzao animou aos pais e nais chamados a participar neste proceso que se revele contra a actuación “ilexítima” da Consellaría de Educación marcando na enquisa a opción máis favorábel ao galego, pois, lembrou, “non se achega a posibilidade de escoller todo o ensino na nosa lingua, e mesmo marcando só a favor do noso idioma nunca se podería superar o actual decreto de normalización do galego no ensino”. 
 
Louzao reafirmou a postura contraria da CIG a respecto deste proceso “que non pode condicionar o futuro do noso idioma”, retirando a petición de suspensión cautelar da consulta para que “quede como unha intentona chapuza dun goberno cunha obsesión permanente contra o noso idioma”.

Imprime e espalla o CIG-Informa con esta información: Ligazón

Volver