A CIG presenta a Iniciativa Lexislativa Popular contra o plus dos altos cargos

Presentaronse 19.000 sinaturas no rexistro do Parlamento

Representantes da CIG fixeron entrega, este martes día 17 de xuño, das máis de 19.000 sinaturas, xa certificadas pola oficina do censo electoral, para promover unha ILP e obrigar á institución parlamentaria a retomar o debate sobre o chamado plus de altos cargos. Porén, non se puido explicar aos medios o contido da mesma porque o xefe de seguridade do Parlamento impediuno, aducindo que tiña ordes de prohibir que se fixeran declaracións, nin sequera na porta de entrada do edificio.
Entregáronse máis de 19.000 sinaturas no rexistro da Xunta Electoral de Galiza

Impiden á CIG explicar os contidos da ILP no recinto do Parlamento

Representantes da CIG fixeron entrega, este martes día 17 de xuño, das máis de 19.000 sinaturas, xa certificadas pola oficina do censo electoral, para promover unha ILP e obrigar á institución parlamentaria a retomar o debate sobre o chamado plus de altos cargos. Porén, non se puido explicar aos medios o contido da mesma porque o xefe de seguridade do Parlamento impediuno, aducindo que tiña ordes de prohibir que se fixeran declaracións, nin sequera na porta de entrada do edificio.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, acompañado polo secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao e polo letrado da CIG, Héctor Ruíz, fan entrega das máis de 19.000 sinaturas no rexistro da Xunta Electoral de Galiza, no segundo andar do edificio do Parlamento de Galiza.

“Como é posíbel que veñan os representantes dunha comisión que promove unha Iniciativa Lexislativa Popular -algo tan democrático como iso e que ten o apoio que ten- e que non poidan dentro do Parlamento, onde se supón que reside a soberanía popular, pronunciarse e comentalo cos medios de comunicación?”. Deste xeito valoraba Suso Seixo, secretario xeral da CIG, o impedimento a facer declaracións unha vez entregadas as sinaturas para promover a ILP. Xunto a el estaban Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino e Héctor López de Castro Ruíz, letrado da organización sindical.

Para o secretario xeral da CIG a situación vivida no recinto parlamentar é “sorprendente e alarmante” ademais dun “retroceso”, especialmente “lamentábel ao vir precisamente dunha mesa na que teñen maioría dúas organizacións políticas de esquerda”. Porén, malia non saber quen tomou a decisión de prohibir facer declaracións nin sequera ás portas do edificio, Seixo lembrou que “a conduta da Presidenta do Parlamento noutros casos semellantes nunca foi moi favorábel a facilitar as cousas. Sobre todo cando se trata de temas de carácter social ou demandas dos cidadáns”.

Así as cousas, os representantes da CIG tiveron que saír á rúa para explicar o contido da ILP -que pretende fundamentalmente a derrogación da disposición adicional 17ª, referida ao complemento de destino dos altos cargos-, e comentar cos medios o números de sinaturas rexistradas -19.146-.

Seixo explicou que aínda habendo máis sinaturas entregadas nas oficinas provinciais do censo, pendentes aínda de certificación, acordouse non gardar máis para rexistralas porque o número mínimo que se precisa é 15.000, e ese mínimo está xa sobradamente cuberto. “É probábel que se adiante a disolución do Parlamento ao mes de decembro para poder celebrar as eleccións no mes de marzo e queriamos ter as máximas garantías de que o debate se dá nesta lexislatura”.

Unha vez entregadas as sinaturas, a Mesa do Parlamento ten que remitir a Iniciativa ao Consello da Xunta para que este organismo valore se por razóns de carácter orzamentario é posíbel ou non promovela neste ano. “Agardamos que dea tempo para que se produza o debate definitivo e decidan se optan por aceptar as nosas propostas ou non. O custo non vai ser tan importante e o normal é que o tema pase ao pleno que tería que pronunciarse respecto de se acepta ou non a trámite esta ILP”.

Posibilidades de éxito

Respecto das posibilidades de que esta iniciativa saia adiante Seixo lembrou que, no seu día, xa se tiñan celebrado entrevistas cos tres grupos parlamentares para saber se había posibilidade de que eles mesmos promoveran a derrogación desa disposición adicional incluída na última reforma da lei de Función Pública. Porén, “o único que mostrou dispoñibilidade foi o BNG xa que tanto o PSOE como PP non o fixeron. Iso foi o que obrigou a optar por promover unha ILP, para ter garantías de que se ía debater de novo en pleno”, explicou o secretario xeral da CIG.

En todo caso, matizou que “a situación, canto á correlación de forzas non é especialmente favorábel, pero o feito de non estar moi esperanzados respecto de cal pode ser a resolución final do parlamento, non pode impedir que se trate de mudar unha situación de clara inxustiza e mesmo dunha discriminación duns funcionarios respecto doutros. Así o percibe a maioría da poboación e a nosa obriga era promover ese debate nesta institución á vits ta de que os grupos parlamentares ou, cando menos os que teñen maioría na cámara, non quixeron colaborar e que isto se fixera por inciativa deles”.

Proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, sobre retribucións de funcionarios que desempeñaron postos coa consideración de altos cargos


Exposición de motivos

 

A retribución dos funcionarios que desempeñaron postos coa consideración de altos cargos na Administración galega foi obxecto nos últimos meses dunha forte polémica e contestación social, por causa da introdución, mediante a Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galiza, dunha nova disposición adicional décimo sétima que ten en conta o mérito político como criterio para outorgar aos devanditos funcionarios unha retribución, en concepto de complemento de destino e unha vez que se reincorporan ao servizo activo, que é superior á do máximo nivel da carreira administrativa, obedecendo a circunstancias xa pasadas e polas que foron compensados no seu momento cunha maior retribución.

A referida disposición adicional décimo sétima recibiu tamén críticas por revelar unha concepción pouco democrática da Administración e do servizo público, ao crear unha profunda fenda entre o funcionariado de carreira e o resto de cidadáns que, non sendo funcionarios públicos, desempeñaron ou van desempeñar nalgún momento das súas vidas cargos públicos ou de representación política. Estes cidadáns, sexan traballadores da empresa privada, persoal laboral das administracións públicas, desempregados ou pensionistas, non ven recoñecida a súa participación nos asuntos públicos mediante unha retribución como a que se estabelece para o funcionariado, o que é incoherente co imperativo do artigo 9.3 da Constitución, que obriga os poderes públicos a facilitaren a participación de todos, sen excepcións nin favoritismos, na vida política.

A estes dous motivos básicos cabe engadir a consideración de que o Parlamento de Galiza lexislou con escasa conciencia social, obviando a realidade dun país en que os salarios da maioría dos traballadores se sitúan por baixo da cantidade prevista para un director xeral só en concepto de complemento de destino. Así o entenderon os cidadáns asinantes da iniciativa lexislativa popular en que trae causa esta Lei e así o recoñece agora o lexislador galego, ao aprobar unha norma que pretende introducir elementos de racionalidade, xustiza social e austeridade na regulación legal das retribucións dos funcionarios que desempeñaron altos cargos.

En coherencia coa motivación anterior, derrógase tanto a controvertida disposición adicional décimo sétima da Lei da función pública de Galiza, como tamén un anterior privilexio, introducido polo artigo 9 da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, que permite aos funcionarios que desempeñaron ou desempeñen postos coa consideración de altos cargos, con excepción do persoal eventual, consolidaren de forma acelerada o grao persoal correspondente ao nivel de complemento de destino 30, sempre que pertenzan ao grupo A (actual grupo A1); ou ben gozaren do importe equivalente ao dito nivel, en lugar do que puidese pertencerlles conforme o grupo que corresponda. A finalidade común de ambas as medidas é desactivar a consideración do mérito político no desempeño dos postos de traballo do funcionariado, de xeito que a experiencia como alto cargo non sexa un obstáculo para a normal progresión retributiva ou de carreira profesional, pero tampouco se convirta nunha vantaxe inxustificada.

 

Proposición de lei

 

Artigo primeiro. Modificación da Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galiza.

Suprímese a disposición adicional décimo sétima, introducida polo apartado 34 do artígo único da Lei 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Artigo segundo. Modificación da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

Suprímese o artigo 9.

Disposición adicional

A partir da entrada en vigor da presente Lei, os funcionarios que se reincorporen á situación de servizo activo procedentes da situación de servizos especiais por desempeño de postos de traballo como director xeral ou superior, director xerente de órganos ou entidades públicas ou postos na administración pública incluídos no ámbito de aplicación da Lei de Incompatibilidades de Altos Cargos, pasarán a percibir o complemento de destino correspondente ao posto de traballo que desempeñen ou, se é o caso, ao do seu grao persoal.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor desta lei e respecto do persoal incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, de función pública de Galiza, fican derrogadas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan a esta lei.

Disposición derradeira

A lei entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galiza.

Volver